post

Íntegro organiza unha Masterclass Solidaria para a adquisición de vestiario deportivo

As persoas interesadas en participar xa poden reservar praza chamando por teléfono ou enviando un e-mail á entidade

Co obxectivo de recadar fondos para a adquisición de vestiario deportivo para os usuarios e usuarias do Centro de Día e do Centro de Recursos, a asociación Íntegro está a organizar unha nova actividade de carácter benéfico aberta á participación do público en xeral. Trátase dunha Masterclass Solidaria de Zumba e Pilates, prevista para o vindeiro 9 de xuño no pavillón municipal de Cabana.

Durante a xornada, que se desenvolverá ao longo da mañá en horario de 11 a 13 horas, realizaranse sesións continuas de zumba e pilates dirixidas a toda a familia coa intención de fomentar estas prácticas deportivas e gozar dun día de convivencia e diversión sen parar de moverse. Por unha banda,  as clases de zumba serán impartidas pola empresa Actívate Lorena Eirís, especializada en actividades de ocio, tempo de lecer e adestramento personal, mentres que a actividade de pilates correrá a cargo da fisioterapeuta do centro e responsable da Clínica de Fisioterapia Eva Senande.

As persoas interesadas en participar nesta orixinal iniciativa xa poden realizar as súas inscricións chamando ao 981 734 985 ou ao 981 754 323, ou enviando un e-mail a info@integro.es. As 50 primeiras reservas recibirán como premio un agasallo por parte da organización. O prezo das entradas será de 5 € para os adultos e 2€ para os menores de 14 anos.  

Esta acción solidaria non é a primeira que centro pon en marcha coa finalidade de recadar fondos para mellorar os servizos que presta aos seus usuarios/as e incrementar os recursos dispoñibles ao seu alcance para proporcionarlles unha maior calidade de vida. Nos últimos anos, a entidade con sede en Nantón (Cabana), tamén promoveu unha campaña de crowdfunding para financiar a construción dun xardín terapéutico así como a elaboración dun calendario solidario co que se obtiveron os fondos necesarios para a compra de material deportivo adecuado as súas necesidades. Na actualidade, contan ademais cun programa de colaboración coa firma Decathlon para o subministro de material deportivo adaptado.  

Desde a asociación Íntegro queremos agradecer tamén a implicación e o compromiso de todas as entidades que están a colaborar na organización da Masterclass Solidaria, entre as que se atopan o Concello de Cabana, as entidades financieiras de Abanca e LaCaixa, Global Grafic e RS Motor, e a empresa de xestión social MáisPorvir.    

post

15 usuarios e usuarias de Íntegro visitan Madrid co programa Respiro Familiar Vacacional

Quen dixo que as vacacións xa remataron? En Íntegro non fixeron máis que comezar! Un grupo de usuarios e monitores da nosa asociación acaban de poñer rumbo a Madrid dentro do programa Respiro Familiar Vacacional, cofinanciado por LaCaixa de Baio (Zas).

A expedición, integrada por 15 usuarios/as e 4 monitores/as, iniciou onte pola mañá unha viaxe de catro días coa finalidade de gozar dunhas xornadas de descanso visitando algúns dos lugares máis emblemáticos da capital. Aínda que se trata do primeiro ano que se pon en marcha esta actividade, dende a asociación destacaron a boa acollida que esta viaxe tivo entre os usuarios/as e as súas familias acadando unha excelente resposta e unha participación que supera o 90%.

la foto 4Ademais da colaboración da entidade bancaria, esta iniciativa tamén está subvencionada con fondos do centro ocupacional procedentes da elaboración e comercialización dos nosos produtos (Bicos de Amora, obxectos de bixutería e decoración, e todo tipo de detalles personalizados). Un intenso e excelente traballo que deu os seus froitos grazas á confianza de moitas persoas anónimas que apostaron polos estes artigos para agasallar en eventos e celebracións especiais. O resto do importe da viaxe foi sufragado pola entidade e pequenas aportacións dos familiares dos participantes.

Programala foto 4

Tras visitar no día de onte a fermosa cidade de Segovia, con parada obrigada no acueduto e na cidade vella, hoxe tocou percorrido polo Zoo-Acuario de Madrid onde lles agardaban varios espectáculos mariños e exhibicións coas que pasaron un día inesquecible. Mañá pola mañá desprazaranse ata a zona centro da capital para coñecer as principais rúas da cidade (Zona Preciados, Porta do Sol, Gran Vía) e visitar o emblemático Estadio Bernabéu. Xa pola tarde achegaranse ata o fermoso Parque do Retiro, onde esta previsto unha visita guiada moi especial da man do presidente de COCEMFE, Anxo Queiruga. O regreso será o xoves, non sen antes realizar algunha parada polo camiño para compras de última hora. Boa viaxe a todos/as!

la foto 1la foto 3la foto 2