O proxecto está co-financiado pola Xunta de Galicia, a través dos fondos do 0.7% do IRPF da declaración da renda procedentes de marcar o cadro de “Actividades de interese xeral consideradas de interese social”
Este ano, a asociación Íntegro levou a cabo un proxecto de “Instalación de paneis fotovoltaicos e baterías no centro de recursos Integro”, do que se beneficiarán as 45 persoas usuarias do centro de Nantón (Cabana de Bergantiños), na súa maioría persoas con discapacidade intelectual da Costa da Morte.
Esta actuación, que consistiu na instalación de 24 paneis fotovoltaicos colocados nun terreo anexo ao centro, está destinada á xeración de enerxía eléctrica para o autoconsumo que permitirá lograr beneficios económicos e medioambientais grazas á diminución da contaminación atmosférica e dos gases efecto invernadoiro.
O proxecto conta coa financiación da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia que subvenciona, a través de COGAMI o 85% do gasto grazas aos fondos do IRPF procedentes do cadro 106 de “Actividades de Interese Social” da declaración da renda. Por outra banda, a propia entidade e a Deputación Provincial da Coruña, con cargo á convocatoria FOIE 2023, asumirán o 15% restante.
A asociación Íntegro é unha entidade social sen ánimo de lucro que dende 1992 promove a inclusión social e laboral das persoas con diversidade funcional da Costa da Morte. Na actualidade, conta cun Centro de Día e un Centro Ocupacional que prestan servizo a 45 persoas das comarcas de Bergantiños, Soneira e Fisterra. A entidade con sede en Nantón (Cabana de Bergantiños) forma parte da Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) e da Confederación Española de Persoas con Discapacidade Física e Orgánica (COCEMFE).