post

Íntegro deu a coñecer o seu Valor Social Integrado durante a asemblea xeral ordinaria celebrada en Nantón

  • A entidade presentou o seu plan estratéxico e o Plan Operativo Anual
  • Así mesmo, deuse a coñecer o balance económico de Máis Porvir Xestión Social, con máis de 52 profesionais, dos que o 87% son persoas con discapacidade
  • A formación para coidadores/as non profesionais foi unha das principais demandas dos socios/as

O Centro de Recursos Íntegro acolleu esta mañá a celebración da súa Asemblea Xeral Ordinaria  que arrincou en primeira convocatoria, pasadas ás 11.00 horas. Tras a lectura da acta anterior, presentáronse as actividades levadas a cabo en 2022 e o estado contable correspondente a ese exercicio para a súa aprobación. A continuación, déronse a coñecer os programas e accións previstas para este ano, destacando entre as primeiras a celebración do I FestIgual, diversamente iguais, unha xornada lúdico-festiva arredor dun espazo de encontro para toda a comunidade, da que moi pronto adiantaremos a programación.

A xerente de Máis Porvir Xestión Social, Sandra Caamaño, foi a encargada de dar a coñecer o balance económico anual da nosa empresa de economía social da que xa forman parte máis de 52 persoas ( + 87% con disCapacidade).

Outro dos puntos que suscitou gran interese entre os socios/as foi a presentación do Valor Social Integrado (VSI), a contribución económica da entidade á sociedade, que no caso de Íntegro en 2021 foi de 2, 3 millóns de euros. É dicir, que por cada euro que a entidade percibiu, reverteu 7 na sociedade. Un dato moi positivo que pon de manifesto o noso compromiso coa sociedade como un valor de futuro. Así mesmo, ofreceuse información polo miúdo sobre o plan estratéxico e o Plan Operativo Anual (POA) para coñecemento de todos os socios e socias, detallando todas as accións previstas para este 2023.

Durante as tres horas que durou a asemblea, os e as asistentes amosáronse moi interesados/as e participativos/as, realizando interesantes propostas e suxestións que serán valoradas e estudadas para a súa posta en marcha. Entre outras, a demanda de novas accións formativas dirixidas a coidadores/as non profesionais, coa finalidade de capacitar a familiares con persoas dependentes no fogar.

Tras a asemblea, a xornada rematou cun percorrido polas novas instalacións do Centro de Recursos de Nantón para coñecer de primeira man o taller Diversiplás e a remodelación do comedor e o ximnasio.