post

12 meses, unha causa

Usuarios e usuarias de Íntegro recrean algúns dos nosos costumes e tradicións máis populares no novo calendario benéfico para 2018

“Este ano non contaremos os días, faremos que os días conten”. Con este firme propósito na asociación Íntegro queremos dar a benvida ao 2018, un ano repleto de novas metas, grandes ilusións e infinidade de soños por cumprir. Pero tamén unha porta aberta á posta en valor das pequenas cousas, da beleza do cotián e da diversidade  que nos rodea. Por iso, dende a entidade decidimos converter este slogan na carta de presentación do noso novo calendario benéfico, xa dispoñible nas oficinas do Centro de Recursos de Nantón.

Pero o almanaque do 2018 é moito máis ca iso porque no seu interior garda un anaco da nosa historia e das nosas xentes. 12 imaxes abondan para facer unha breve repaso polas tradicións e os costumes máis arraigados á nosa terra. Unha viaxe a través do tempo na que non só se inmortalizan algunhas das escenas máis típicas da nosa cultura senón que tamén se plasman  moitos dos refráns máis populares mesturados con mensaxes positivas de elaboración propia.

Unha vez máis, e como non podía ser doutro xeito, os protagonistas deste ambicioso proxecto son os usuarios e usuarias do noso Centro de Dia e do Centro Ocupacional. Durante longas e divertidas sesións fotográficas, dirixidas por Mahoney Fotografía, foron capaces de transformarse en actores e actrices de excepción para interpretar a numerosos personaxes e recrear diferentes escenas da vida cotiá, asociadas a cada mes e relacionadas coa nosa gastronomía, as festas, o folclore, o campo, o mar, o clima, as estacións e ata o Nadal. Dende Íntegro queremos agradecerlles a todos e a todas o seu esforzo, dedicación e traballo altruísta para facer realidade este soño.

As persoas interesadas en adquirir o novo almanaque poden facelo achegándose ata as oficinas de Nantón (Cabana) ao longo desta semana en horario de 09:30 a 14h ou ben realizando a súa reserva no 981 734 985. O prezo de cada exemplar é de tan só 6€.  Os fondos recadados destinaranse na súa totalidade á adquisición de material deportivo para o centro coa finalidade de optimizar os recursos técnicos destinados ás persoas con diversidade funcional. Dádevos présa que nolos quitan das mans!