post

A Asociación Íntegro celebrará a I Xornada Diversidade e Familia coincidindo co Día Internacional das Persoas con Discapacidade

A Asociación Íntegro celebrará o 3 de decembro a I Xornada Diversidade e Familia coincidindo coa conmemoración do Día Internacional das Persoas con Discapacidade. Esta iniciativa, organizada en colaboración co Concello de Ponteceso, forma parte do programa Capacíta-T que está destinado a formar e orientar a persoas vencelladas, directa ou indirectamente, coa diversidade funcional.

O acto central da xornada consistirá no desenvolvemento, a cargo de diversos profesionais, dunha serie de relatorios nos que se abordarán cuestións coma a diversidade, a familia, a sexualidade e experiencias persoais.

A xornada, que terá lugar no edificio das Escolas da Trabe (Ponteceso) de 17 a 20 horas, tamén fomentará a conciliación. Nese sentido están previstas unha serie de actividades lúdicas que achegarán aos máis pequenos o concepto da diversidade a través do xogo. E para rematar procederase á entrega de premios e á exposición dos traballos do concurso “O noso mundo”, no que participaron alumnos de infantil e primaria dos colexios de Ponteceso.

Se queres máis información podes consultar o programa completo no cartel anexo.

cartel integro i xornada capacitate