post

A campaña de lesións medulares de Íntegro aterriza no IES Monte Neme de Carballo

Os poñentes, Ramón Pombo e David Pombo, insistiron na importancia de evitar prácticas de risco

O vicepresidente de Íntegro, Ramón Pombo, e o vogal da entidade, David Pombo, estiveron esta semana de visita no IES Monte Neme de Carballo para dar a coñecer aos alumnos e alumnas de secundaria a campaña de prevención de lesións medulares coa que, dende hai algo máis dun ano, estamos a percorrer os diferentes centros educativos da Costa da Morte.

copia poñentes

Ramón, Teresa e David trasladaron as súas vivencias aos estudantes do IES Monte Neme

Pero nesta ocasión contaron, ademais, co testemuño dunha socia e voluntaria da agrupación que quixo sumarse á esta xornada de sensibilización escolar aportando a súa propia vivencia. Con esta iniciativa, co-financiada pola Xunta de Galicia e a Deputación de A Coruña ademais da colaboración das administracións locais e de varias entidades privadas, preténdese educar e concienciar aos máis novos/as sobre a necesidade de evitar prácticas de risco que poidan derivar en doenzas irreparables.

DSC_0685

Un circuíto de velocidade puxo a proba a destreza dos participantes

 

Pese a que esta sesión foi a primeira do ano no centro carballés, os/as estudantes fixeron gala dos seus coñecementos, grazas ás campañas de edicións anteriores, e de seguido pasaron á acción amosándose moi interesados/as e participativos/as durante as explicacións dos nosos representantes, que non dubidaron en expoñer os seus casos persoais para ilustrar o día a día sobre unha cadeira de rodas. Durante a charla informativa fíxose especial fincapé na importancia de previr situacións perigosas e imprudentes en praias, piscinas e estradas, como principais causantes do maior número de lesións medulares irreversibles entre a mocidade. Neste senso, incidiuse de maneira especial na importancia de non tirarse á auga de cabeza para evitar accidentes medulares mortais ou de consecuencias irreparables de cara á temporada de verán que está a piques de comezar.

DSC_0701Como en todo aprendizaxe, logo da teoría ven a práctica. E esta foi, sen dúbida, a parte máis entretida e didáctica da xornada. Ademais de experimentar en primeira persoa as dificultades de desprazarse coa mobilidade reducida, os estudantes puideron poñer a proba a súa destreza sobre unha cadeira de rodas e a súa capacidade de empatía coas persoas que a diario deben enfrontarse a todo tipo de barreiras, tanto físicas como mentais.  Unha boa maneira de comprobar que a vida é cuestión de capacidades e que a mellor educación é a prevención. Unha lección superada por todos e todas e con nota! Ata a próxima!