O diñeiro obtido da venda de agasallos e adornos de Nadal irá destinado integramente ao centro arxentino de persoas con discapacidade, cuxo director é natural de Cospindo (Ponteceso)
O Nadal está á volta da esquina e en Íntegro queremos que estas datas sexan máis especiais e solidarias ca nunca. Este ano, despois de case nove meses de crise sanitaria, económica e social por mor da pandemia que estamos a vivir, debemos seguir ao lado das persoas que máis nos necesitan, das que sofren, das que non dispoñen de recursos e das que precisan de todo o noso apoio e comprensión.
Agora, máis que nunca, é tempo de demostrar que o espírito do Nadal existe. Por iso, todos os que formamos esta gran familia, propuxémonos aportar o noso gran de area a unha nobre causa, da que fomos coñecedores hai uns días. Trátase dunha iniciativa coa que pretendemos recadar fondos para o Hogar San Camilo de Vagues, en San Antonio de Areco (Argentina), onde residen máis de setenta persoas con discapacidade, e cuxo centro está dirixido por Juan Antonio Amado Castiñeira, natural da parroquia pontecesana de Cospindo e moi vinculado coa zona.
Dada a difícil situación económica que está atravesando esta entidade con máis de corenta anos de historia, queremos apelar á colaboración cidadá e sumarnos á cadea de solidariedade posta en marcha desde Ponteceso, por Cáritas e o párroco José Manuel Varela, para contribuír así ao rescate dunha institución, que está atravesando unha situación moi delicada e podería chegar a desaparecer deixando desamparados aos seus usuarios/as. Para elo, en Íntegro destinaremos a totalidade da recadación obtida durante a campaña de Nadal ao Hogar San Camilo de Vagues.
Nesta ocasión, estas datas van ser máis especiais ca nunca porque agora, cada vez que merques un agasallo para os teus seres queridos e/ou algún dos novos adornos de Nadal, elaborados á man polos nosos usuarios e usuarias, estarás axudando a facer realidade o soño de moitas persoas. Ademais, todos os nosos produtos están feitos con materiais reciclados como mostra do noso compromiso co medio ambiente. E con prezos moi accesibles para todos os petos, como a nova colección de produtos decorativos que van desde 1€ ata 8€. Chama canto antes ao 981 734 985 e fai as túas encargas xa, para que este ano os teus agasallos sexan os máis fermosos, orixinais e solidarios.
Este Nadal, si ou si, merca solidariedade. Porque o futuro de moitas persoas, depende de ti.