post

Instalada unha marquesiña en Íntegro para as persoas usuarias do transporte adaptado  

A construción metálica, que ocupa boa parte do aparcadoiro, foi sufragada pola Deputación Provincial da Coruña con cargo ao Programa de Subvencións a Entidades Sen Fins de Lucro para o Investimento de Servizos Sociais no ano 2020 (FOIE)

Encántanos darvos boas novas e máis cando xa nos atopamos ás portas do Nadal e todo parece contaxiarse de certa maxia e ilusión. Nesta ocasión, máis que dun soño, trátase dunha antiga demanda feita ao fin realidade.

Todas as persoas que formades parte da gran familia Íntegro sabedes que dende hai tempo urxía a instalación dunha marquesiña dentro do noso recinto de Nantón para protexer aos nosos usuarios/as, a maioría con mobilidade reducida, das inclemencias meteorolóxicas durante a entrada e saída dos vehículos de transporte adaptado.  

Grazas á aportación da Deputación Provincial de A Coruña, a través do seu Programa de Subvencións a Entidades Sen Fins de Lucro para o Investimento de Servizos Sociais no ano 2020 (FOIE), vimos de acometer os traballos de construción dunha cuberta metálica instalada en boa parte do aparcadoiro do noso centro. Agora, seguro que as dificultosas e laboriosas transferencias dos vehículos de transporte aos andadores ou ás cadeiras de rodas, e viceversa, resultarán máis sinxelas e cómodas tanto para os nosos usuarios/as como para as monitoras encargadas de realizar esas labores. Adeus a loitar á intemperie contra vento e….choiva!

post

Íntegro acomete melloras no seu interior para adaptarse á “nova normalidade”

A Deputación Provincial da Coruña foi a encargada de financiar os traballos de acondicionamento con cargo ao Programa de Subvencións a Entidades Sen Fins de Lucro para o Investimento de Servizos Sociais no ano 2020 (FOIE)

En Íntegro non paramos! Rematadas as obras de mellora e impermeabilización da cuberta do noso centro de Nantón, agora tocoulle a quenda ao interior. E, non sen falta! Ademais do deterioro provocado polas intensas e continuas actividades levadas a cabo diariamente nas aulas, a nova situación provocada pola pandemia fixo necesario e urxente a acometida de varias obras de mellora para lograr aproveitar ao máximo as dependencias existentes no centro e habilitar novos espazos co fin de dar cabida a todos os nosos usuarios e usuarias respectando os novos protocolos de seguridade e distanciamento social.

 

 

 

 

 

 

 

Así, procedemos ao acondicionamento interior das nosas instalacións mediante o pintado das zonas máis deterioradas e afectadas polo paso do tempo e o uso (aulas, zonas comunitarias…). Ditas actuacións tamén posibilitaron a reutilización de espazos e o conseguinte incremento de aulas para dar resposta a unha demanda con necesidades diferentes (grupos burbulla: máis grupos e máis reducidos) e mellorar ademais o aspecto estético do centro.

Os traballos acometidos foron financiados pola Deputación Provincial da Coruña, a través do seu Programa de Subvencións a Entidades Sen Fins de Lucro para o Investimento de Servizos Sociais no ano 2020 (FOIE).

 

post

Íntegro amplía o seu parque móbil cun novo vehículo adaptado cedido pola Deputación Provincial da Coruña

A furgoneta, que realizará o percorrido Camariñas-Camelle-Nantón, permitirá desdobrar unha das rutas con máis usuarios/as e aumentar así o número de prazas

A asociación Íntegro das persoas con Diversidade Funcional da Costa da Morte vén de recibir un novo vehículo adaptado que permitirá mellorar o servizo de transporte dos nosos usuarios e usuarias e incrementar o actual parque móbil, posibilitando así o desdobramento dalgunhas rutas e a incorporación de novas prazas. A entrega foi realizada esta mesma semana pola responsable da área de Benestar Social e Igualdade da Deputación da Coruña, Ánxela Franco, no marco dun convenio de colaboración asinado polo noso presidente Adolfo López Baña e a titular provincial nas instalacións de Nantón. No acto, tamén estiveron presentes a directora do centro, Noelia Barreira; a vicesecretaria da asociación, Mónica Suárez, e o deputado comarcal Manuel Muíño.   

Durante a entrega da furgoneta, López Baña sinalou que “o transporte é fundamental para as entidades que traballamos no ámbito dos servizos sociais e, especialmente, para as que o facemos no ámbito rural onde a dispersión xeográfica nos obriga a prestar especial atención ao desprazamento dos usuarios/as ata o centro”. Neste senso, fixo especial incidencia na necesidade de dispoñer dunha flota ampla e renovada, adaptada ás necesidades das persoas con diversidade funcional. Pola súa banda, Ánxela Franco tamén coincidiu na necesidade de “dotar ás entidades dos medios e recursos necesarios para contribuír a eliminar os atrancos que existen á hora de facilitar ás persoas usuarias a súa chegada aos centros”.

O novo vehículo, valorado en máis de trinta mil euros, ten capacidade para nove persoas e  está dotado cunha plataforma e un chanzo eléctricos para facilitar o acceso ao mesmo ás persoas que se desprazan en cadeira de rodas. A súa posta en funcionamento está prevista para esta mesma semana e o seu destino, en principio, será a realización da ruta Cereixo-Camariñas-Camelle-Nantón, co obxectivo de desdobrar así un dos percorridos máis masificados en canto a número de usuarios e alixeirar os desprazamentos diarios. Ademais, coa nova incorporación poderase incrementar o número de prazas e atender así unha demanda que nos últimos tempos non para de medrar en toda a Costa da Morte. O presidente de Íntegro, tamén subliñou que “este tipo de axudas resultan imprescindibles para ir renovando un parque móbil, xa algo anticuado, e reducir os gastos de mantemento dos vehículos”.