“Avanzouse moito na eliminación de barreiras físicas, pero non se avanzou na eliminación de prexuízos sobre as persoas con discapacidade”. Con esta frase resumiu o presidente de Íntegro, Adolfo López Baña, a mensaxe que a asociación quixo trasladar á sociedade no Día da Diversidade. Neste 3 de decembro Íntegro elixiu o Fórum Carballo como lugar de celebración e como punto de encontro para presentar en sociedade o primeiro calendario da historia da entidade.
Pero o almanaque é moito máis ca iso:
En primeiro lugar, porque está protagonizado por usuarios e usuarias de Íntegro e por persoeiros dos mundos da canción, a universidade, a literatura, o xornalismo, a restauración, o deporte… e moitos outros ámbitos que, dunha maneira desinteresada, brindáronse para compartir unha fotografía e unha xornada cos nosos usuarios e usuarias. Para eles foi o primeiro agradecemento, por prestar a súa imaxe “para axudar a visibilizar a outras persoas ás que a día de hoxe aínda nos sigue costando ser visibles en moitos eidos da vida”, sinalou Adolfo López. O presidente de Íntegro tampouco se esqueceu dos fotógrafos e fotógrafas, 11 en total, que tamén dun xeito altruísta, nos agasallaron co seu tempo e o seu traballo e que conseguiron “visionar tan ben o obxectivo deste calendario, que é a inclusión das persoas que funcionan de forma diferente, e que hoxe en día xa non se agochan nas súas casas, senón que estamos dicindo ao mundo: cambia a mirada”.
En segundo lugar, porque coa venda do calendario, que custa só 5 euros, será posible contribuír ao financiamento do servizo de ximnasia terapéutica que ofrece Íntegro no seu centro de Nantón (Cabana de Bergantiños), e que resulta imprescindible para que as persoas con diversidade funcional gocen dunha vida saudable e de calidade.
E, en terceiro lugar, porque grazas ao traballo de moitas persoas e empresas, como a carballesa donCLIC, que se encargou do deseño e a maquetación, ou a tamén carballesa Comunicar, que se ocupou da produción e xestión, a Asociación Íntegro dá un paso máis cara o seu obxectivo de cambiar a mirada da sociedade cara as persoas con diversidade funcional. Hoxe, e grazas a este proxecto, o obxectivo é un pouco máis compartido.
O acto de hoxe encheu o auditorio do Fórum Carballo, ata o que se achegaron tamén a concelleira de Igualdade e Benestar, Maica Ures, que destacou a calidade dos traballos que desenvolven os usuarios e usuarias de Íntegro, e o alcalde, Evencio Ferrero, que reforzou o chamamento da asociación neste Día da Diversidade: “A única diversidade que eu non comparto é a das persoas que non entenden que a diversidade enriquece a sociedade”, manifestou. O acto rematou coa entrega de agasallos de agradecemento e un animado café.
Puntos de venta do calendario:
Marcos Monterroso (Lugo), donCLIC (Carballo), Modas Suárez (Carballo), Cafetería Valle-Inclán (Carballo), Fisioterapia Eva Senande (Canduas- Cabana), Floristería Amamber (Cabana), Cavident (Ponte do Porto), Centro de Estética Mónica Coscoñas (Vimianzo), Parafarmacia Horizonte (Baio), Fisioterapia Vértebra (Baio), Lencería Marta (Baio), Papelería A Pesqueira (Ponteceso), Panadería Forno Novo (Malpica), e Restaurante A Mundiña (A Coruña).
Dende Íntegro queremos dar as grazas a todos/as os participantes pola súa colaboración, amabilidade e xenerosidade, prestando a súa imaxe e/ou traballo en favor dunha causa que, nesta ocasión, reza baixo o lema #porunanoconmenosbarreiras, especialmente, para as persoas con diversidade funcional.