Alumnos de 1º de bacharelato do IES Agra de Leborís e de 2º e 3º de ESO do CPI Xosé Pichel participaron nas últimas charlas informativas de Íntegro
Despois dun mes de intensa actividade formativa percorrendo diferentes centros educativos da Costa da Morte, o presidente de Íntegro Adolfo López Baña e educadora social Tania Bartucca, visitaron o IES Agra de Leborís de A Laracha e o CPI Alcalde Xosé Pichel de Coristanco para achegar ao alumnado a nova campaña de prevención de lesións medulares coa que se pretende concienciar á mocidade sobre a importancia de evitar situacións de risco tanto nas estradas como en praias e piscinas, principais focos de sinistralidade entre os máis novos/as coa chegada do bo tempo.
No primeiro centro, arredor de 60 alumnos/as de 1º de bacharelato asistiron a unha charla informativa, na que se abordaron as causas e consecuencias de sufrir un accidente medular, que incluíu ademais a proxección do vídeo “A ti tamén che pode pasar” e un pequeno coloquio que contou coa participación de José Manuel, un voluntario do programa que non dubidou en expoñer o seu caso, como exemplo de forza e superación, co que deixou impresionados tanto aos estudantes como aos profesores. Igual de interesante e emotivo foi o encontro cos estudantes de 2º e 3º da ESO do colexio coristanqués, que seguiron con gran interese e atención as explicacións ofrecidas polos membros da nosa entidade nunha xornada marcada pola aprendizaxe pero tamén pola diversión.
En ambos casos, tras a teoría chegou a práctica. E aí a rapazada volveu a sorprendernos unha vez máis coa súa capacidade de empatía e a súa habilidade e destreza sobre unha cadeira de rodas.
Ao remate, todos os/as participantes comprometéronse a extremar as precaucións evitando correr riscos innecesarios que poidan poñer en perigo as súas vidas. Desde Íntegro, agardamos que así sexa e que vaian coa lección ben aprendida. O seu futuro pode estar en xogo!