post

Lecer Náutico en Sanxenxo para catro usuarios/as de Íntegro

Catro usuarios/as de Íntegro, acompañados dunha monitora do centro, viaxarán este domingo ata a localidade pontevedresa de Sanxenxo para participar no programa Lecer Náutico organizado pola Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (Cogami), en colaboración co Real Club Náutico de Sanxenxo e a Fundación Mapfre. Trátase dunha experiencia moi enriquecedora e positiva que pretende achegar esta modalidade deportiva ás persoas con diversidade funcional, fomentando así o contacto directo coa natureza e o entorno mariño.

vela1Durante 5 días recibirán un curso de manexo de embarcacións de vela lixeira, de 20 horas de duración, impartido por persoal especializado do club náutico. Ademais das clases teóricas, os participantes terán a oportunidade de saír a navegar pola ría de Pontevedra e experimentar sensacións tan novidosas e incribles como a liberdade ou a ausencia de barreiras. Se a isto lle sumamos a posibilidade de desfrutar dunhas vistas sorprendentes e dende unha perspectiva diferente, o éxito está garantido.

DSC_2533

Bruno, Samuel e Martín foron os participantes da pasada edición

Pero non todo vai ser náutica! Ao igual que sucedeu en anos anteriores, tamén haberá tempo para o lecer e o aprendizaxe fóra da auga porque durante a súa estancia en Sanxenxo realizarán actividades de ocio como ir á praia, pasear pola vila ou visitar museos e lugares de interese turístico. Así mesmo, terán a ocasión de poñer en práctica todo o aprendido nos nosos obradoiros de autonomía persoal, asumindo a realización de tarefas tan cotiás como a limpeza do fogar, a hixiene diaria, o carro da compra e a administración do diñeiro.

DSC_2643

IMG-20150526-WA0007

IMG-20150526-WA0009

 

 

 

 

O seu paso pola residencia adaptada Aixiña permitiralles convivir con compañeiros/as doutras entidades sociais fomentando así as relacións interpersoais e propiciando novos lazos de amizade. De feito, na mesma quenda coincidirán con usuarios/as de Amarai e Avante procedentes de Arzúa e Val do Dubra, respectivamente. Unha experiencia única e inesquecible para os catro afortunados/as desta edición.

Coidado co sol e pasádeo moi ben!