Na orde do día figuraban importantes novidades como a posta en marcha da 1ª fase da ampliación do Centro Ocupacional e a elaboración dun novo plan estratéxico
A asociación Íntegro celebrou este sábado 8 a súa asemblea xeral ordinaria de socios/as marcada, por segundo ano consecutivo, polas medidas de seguridade e hixiene establecidas pola COVID. Nesta ocasión, a xuntanza, que deu comezo ás 12.00 horas, celebrouse ante un público moi reducido para garantir o distanciamento social obrigatorio e preservar a saúde de todos os asistentes.
En primeiro lugar, os membros da directiva procederon á lectura da acta da sesión anterior e deron conta dos orzamentos e actividades levados a cabo en 2020 así como dos programadas para este ano. Pola súa banda, persoal do Centro de Recursos de Nantón foi o encargado de ofrecer detallada información sobre os servizos que se están levando a cabo (Infoase, PIMDRural, fisioterapia, ocio, xuventude, voluntariado…) e sobre outros de nova implantación como o de podoloxía, que contou cos parabéns de todos os/as asistentes.
Outro dos asuntos da orde do día foi a relación de obras acometidas dentro do plan de mellora das instalacións de Nantón. E neste punto, tamén se abordaron as novidades programadas para este ano como a 1ª fase da ampliación do Centro Ocupacional. Así mesmo, púxose sobre a mesa a necesidade de elaborar un novo plan estratéxico implicando a todos os interesados/as (familias, usuarios/as, socios/as, provedores, traballadores, directivos…).
Desde Íntegro queremos dar as grazas a todos os/as asistentes á asemblea pola súa participación e respecto no cumprimento das medidas de seguridade.