post

Instalada unha marquesiña en Íntegro para as persoas usuarias do transporte adaptado  

A construción metálica, que ocupa boa parte do aparcadoiro, foi sufragada pola Deputación Provincial da Coruña con cargo ao Programa de Subvencións a Entidades Sen Fins de Lucro para o Investimento de Servizos Sociais no ano 2020 (FOIE)

Encántanos darvos boas novas e máis cando xa nos atopamos ás portas do Nadal e todo parece contaxiarse de certa maxia e ilusión. Nesta ocasión, máis que dun soño, trátase dunha antiga demanda feita ao fin realidade.

Todas as persoas que formades parte da gran familia Íntegro sabedes que dende hai tempo urxía a instalación dunha marquesiña dentro do noso recinto de Nantón para protexer aos nosos usuarios/as, a maioría con mobilidade reducida, das inclemencias meteorolóxicas durante a entrada e saída dos vehículos de transporte adaptado.  

Grazas á aportación da Deputación Provincial de A Coruña, a través do seu Programa de Subvencións a Entidades Sen Fins de Lucro para o Investimento de Servizos Sociais no ano 2020 (FOIE), vimos de acometer os traballos de construción dunha cuberta metálica instalada en boa parte do aparcadoiro do noso centro. Agora, seguro que as dificultosas e laboriosas transferencias dos vehículos de transporte aos andadores ou ás cadeiras de rodas, e viceversa, resultarán máis sinxelas e cómodas tanto para os nosos usuarios/as como para as monitoras encargadas de realizar esas labores. Adeus a loitar á intemperie contra vento e….choiva!

post

Íntegro acomete melloras no seu interior para adaptarse á “nova normalidade”

A Deputación Provincial da Coruña foi a encargada de financiar os traballos de acondicionamento con cargo ao Programa de Subvencións a Entidades Sen Fins de Lucro para o Investimento de Servizos Sociais no ano 2020 (FOIE)

En Íntegro non paramos! Rematadas as obras de mellora e impermeabilización da cuberta do noso centro de Nantón, agora tocoulle a quenda ao interior. E, non sen falta! Ademais do deterioro provocado polas intensas e continuas actividades levadas a cabo diariamente nas aulas, a nova situación provocada pola pandemia fixo necesario e urxente a acometida de varias obras de mellora para lograr aproveitar ao máximo as dependencias existentes no centro e habilitar novos espazos co fin de dar cabida a todos os nosos usuarios e usuarias respectando os novos protocolos de seguridade e distanciamento social.

 

 

 

 

 

 

 

Así, procedemos ao acondicionamento interior das nosas instalacións mediante o pintado das zonas máis deterioradas e afectadas polo paso do tempo e o uso (aulas, zonas comunitarias…). Ditas actuacións tamén posibilitaron a reutilización de espazos e o conseguinte incremento de aulas para dar resposta a unha demanda con necesidades diferentes (grupos burbulla: máis grupos e máis reducidos) e mellorar ademais o aspecto estético do centro.

Os traballos acometidos foron financiados pola Deputación Provincial da Coruña, a través do seu Programa de Subvencións a Entidades Sen Fins de Lucro para o Investimento de Servizos Sociais no ano 2020 (FOIE).

 

post

A Fundación ONCE concede unha subvención a Íntegro para a adquisición dun vehículo adaptado destinado ao transporte de persoas con diversidade

Usuarios/as do Centro ocupacional e do Centro de Recursos de Nantón serán os beneficiarios/as do novo servizo de atención 

A Fundación ONCE vén de conceder unha axuda económica por importe de 12.000€ á asociación Íntegro para a adquisición dun vehículo adaptado destinado ao transporte das persoas usuarias do noso Centro de Recursos e do Centro Ocupacional con sede en Nantón (Cabana de Bergantiños).

Grazas á co-financiación da ONCE a nosa entidade xa conta cun novo medio de transporte colectivo para levar a cabo o servizo de atención e apoio a persoas con discapacidade da Costa da Morte co fin de que poidan potenciar e desenvolver as súas capacidades no noso centro garantindo o seu desprazamento dun xeito cómodo, seguro e adaptado ás súas necesidades.

Sen dúbida, un paso máis cara a inclusión social das persoas con diversidade funcional que residen no medio rural.

post

A Deputación Provincial da Coruña donará a Íntegro un vehículo adaptado para o transporte de usuarios/as

Así o manifestou hoxe a deputada Ánxela Franco durante a súa visita a Nantón acompañada polo concelleiro de Educación de Ponteceso Carlos Penedo

Esta mañá o Centro de Recursos Íntegro recibíu unha visita moi especial que nos deixou boas novas. A deputada provincial de Igualdade e Benestar Social, Ánxela Franco, desprazouse ata Nantón (Cabana) para coñecer de primeira man as obras e actividades financiadas pola Deputación da Coruña a través dun programa de subvencións a entidades sen fins de lucro destinado a investimentos en servizos sociais correspondente ao ano pasado. Xunto á titular da área tamén estivo o concelleiro de Educación, Asociacionismo e Patrimonio de Ponteceso, Carlos Penedo.

O presidente de Íntegro, Adolfo López Baña, e a directora do centro, Noelia Barreira, exerceron de anfitróns nunha visita guiada polo Centro de Día e o Centro Ocupacional, onde foron os propios usuarios/as os que explicaron polo miúdo o funcionamento dos diferentes obradoiros que se levan a cabo, facendo especial fincapé no proceso de elaboración dos xabóns de glicerina da colección Bicos de Amora, unha liña comercial de productos artesanais coa que se pretende mellorar a empregabilidade das persoas con diversidade funcional, e pola que se interesou especialmente a titular provincial.

Os responsables da entidade tamén deron a coñecer as novas actividades e programas postos en marcha ao longo de 2017 e adiantaron as liñas estratéxicas programadas para o período 2017-2020, destinadas a mellorar a formación e o emprego dun colectivo en risco de exclusión. Neste punto, tanto a Deputación como o Concello manifestaron o seu compromiso de colaboración para seguir traballando cóbado con cóbado coa entidade.

Pero as boas novas aínda estaban por chegar e fixérono da man da deputada provincial e o responsable municipal. Así, a primeira, Ánxela Franco, anunciou que en breve a entidade disporá dun novo vehículo adaptado, concedido polo organismo provincial para a mellora dos servizos e/ou prestacions sociais e sociosanitarias. E, pola súa banda,  o concelleiro Carlos Penedo trasladou a intención do Concello de Ponteceso de promover a inclusión transversal desde todas as áreas de goberno que sexa posible coa intención de “facer entre todos/as un concello máis inclusivo e accesible”, matizou.

Desde Íntegro queremos agradecer a colaboración e o traballo conxunto de ambas institucións na procura dunha sociedade máis inclusiva e igualitaria.

post

Adxudicados os traballos de reforma da fachada do Centro de Recursos de Íntegro

Aluminios Beres será a empresa encargada de acometer as obras con cargo ao programa FOIE da Deputación da Coruña

Esta semana está previsto que dean comezo as obras de reparación e acondicionamento da fachada do Centro de Recursos de Íntegro. Unha vez finalizado o período de presentación de ofertas, os traballos resultaron adxudicados á empresa Aluminios Beres por un importe de 63.650,26 € + IVE.

A reforma, que será executada con cargo ao programa FOIE 2017 que a Deputación da Coruña destina a entidades sen fins de lucro para o investimento de servizos sociais, consistirá na instalación dunha fachada ventilada no centro de Nantón (Cabana), que mellore a estética actual das nosas instalacións e proporcione unha solución aos problemas de condensación existentes na actualidade. Así, ademais de mellorar o aspecto exterior do centro, moi deteriorado na actualidade, a colocación deste novidoso sistema proporcionará un adecuado illamento térmico e acústico posibilitando un maior aforro enerxético e unha ventilación natural moito máis eficaz. O período establecido para a realización dos traballos será de dous meses e medio.

post

Aberto o prazo de presentación de ofertas para acometer as obras de reforma da fachada do Centro de Recursos

As obras realizaranse con cargo ao programa FOIE que a Deputación da Coruña destina a entidades sen fins de lucro

A asociación Íntegro vén de resultar beneficiaria dunha subvención concedida pola Deputación da Coruña para a realización de obras e equipamento do Centro de Recursos de Nantón, dentro do programa FOIE 2017 para entidades sen fins de lucro, segundo se recolle no BOP nº 4 do 5 de xaneiro de 2018. O presuposto subvencionado para a obra, que consistirá na realización dunha fachada ventilada, ascende a 70.000 € (IVE non incluído).

Para tal fin e en cumprimento das bases establecidas no Boletín Oficial da Provincia, desde a entidade convocamos a todas as empresas interesadas á presentación das correspondentes ofertas para a execución dos traballos, que deberán ser realizados antes do 31 de abril do presente ano. O prazo establecido para a presentación dos orzamentos será de quince días, contados a partir de mañá martes, 16 de xaneiro.