Seis usuarios/as de Íntegro participan, xunto a varios familiares e a monitora de tempo libre do centro, nunha excursión organizada por COCEMFE
Esta fin de semana un grupo de usuarios e usuarias de Íntegro partiron rumbo a La Manga del Mar Menor, na rexión de Murcia, para participar no programa de vacacións 2017 organizado por COCEMFE (Confederación Española de Personas con Discapacidad Física y Orgánica) e co-financiado con fondos do Ministerio de Asuntos Sociais. Con esta actividade, dirixida a persoas con diversidade funcional, preténdese promover a realización de actividades de lecer lonxe das súas localidades de orixe e fomentar a convivencia con compañeiros/as doutras entidades.
Coa intención e a ilusión de gozar duns días de praia e descanso saíron o pasado venres pola noite seis dos nosos usuarios/as xunto a algúns dos seus familiares e a monitora de ocio e tempo libre do centro, Lucía Blanco. Ademais de estar desfrutando xa dos marabillosos areais e o excelente clima dese enclave turístico, situado en pleno litoral levantino, ao longo desta semana terán a oportunidade de visitar os principais puntos de interese da cidade e descubrir a beleza paisaxística dalgunhas das localidades máis próximas.
Durante a súa estancia, os/as participantes permanecen aloxados nun complexo hoteleiro con instalacións accesibles e adaptadas ás súas necesidades, equipamentos deportivos, piscinas, spa e unha ampla oferta de actividades para cubrir o seu tempo de lecer.
O regreso está previsto para o vindeiro sábado. Así que, haberá que agardar ata entón para ver que aventuras nos contan e cal foi o balance do seu paso por terras murcianas. Seguro que a experiencia pagará a pena a xulgar polas seguintes imaxes. Boa estada!