post

Éxito de participación nos I Xogos Populares de Íntegro

O pavillón municipal de Baio (Zas) acolleu a primeira edición dunha competición lúdico-deportiva que logrou reunir a representantes de diferentes asociacións da provincia

O polideportivo de Baio (Zas) foi o escenario elixido pola asociación Íntegro para celebrar os seus I Xogos Populares, un evento lúdico-deportivo que logrou reunir no día de onte a representantes de diferentes entidades sociais da provincia nunha xornada que mesturou deporte, diversión e convivencia coa posta en valor dos xogos tradicionais.

A primeira edición desta competición deportiva non puido empezar con mellor pé. Integrantes das asociacións Ambar, Adisbismur, Misela, A Creba Saúde Mental e Avante estiveron presentes nesta primeira convocatoria, que pretende consolidarse co paso do tempo ata converterse nun punto de encontro anual e nun referente en toda a Costa da Morte.

 

As actividades deron comezo ás 11.30 horas con dous grandes clásicos: o “xogo do pano” e os “aros”. Media hora máis tarde, os que puxeron a proba a súa habilidade e destreza, divididos en varias quendas, foron os/as participantes da “carreira de sacos” e do “xogo das chapas”. En ambos casos, os gañadores de cada ronda tiveron que enfrontarse nunha final que resultou do máis emocionante cuns marcadores moi axustados ata o último momento. O mesmo aconteceu coa modalidade de “salto á corda” e a “mariola”, que deu paso á entrega de premios por parte do presidente de Íntegro Adolfo López Baña e a directora do Centro de Recursos, Noelia Barreira. Así mesmo, un grupo de usuarios/as de Íntegro tamén fixo entrega dalgúns galardóns aos vencedores, que consistiron en medallas e recordatorios personalizados e elaborados de maneira artesanal no centro de Nantón.

 

 

 

 

 

Ao longo da mañá tamén houbo tempo para divertirse bailando ao ritmo da música e practicando outras modalidades deportivas como o zumba, no que os nosos usuarios/as son uns auténticos expertos/as. Finalmente, a xornada rematou cun xantar, ao que asistiron todos os/as participantes, e co desexo de volver a vernos moi pronto nos II Xogos Populares. Grazas a todos7as por participar e…..ata a próxima!