O acto levarase a cabo esta mañá, ás 13:30 horas, nas instalacións do Centro de Recursos de Nantón
Desde a asociación Íntegro queremos dar un paso máis na inserción socio-laboral das persoas con diversidade funcional da Costa da Morte. Para elo, esta mesma mañá procederemos á sinatura dun convenio de colaboración coa empresa Origen Galicia, que terá lugar ás 13:30 horas nas instalacións do noso Centro de Recursos de Nantón, en Cabana de Bergantiños.
Esta nova acción ten como principal obxectivo dotar ás persoas usuarias do noso Centro Ocupacional dunha formación pre-laboral en diferentes áreas colaborando con dita compañía na montaxe das súas tradicionais cestas de Nadal, o que posibilitará a adquisición dunha maior experiencia no desempeño de traballos en cadea, control de stock, almacenaxe e recepción/envío de mercancía, entre outras tarefas.
Origen Galicia é unha empresa especializada na comercialización dunha ampla selección de produtos de orixe galego de máxima calidade co obxectivo de recuperar os sabores tradicionais da nosa terra e promover o consumo de alimentos autóctonos e saudables, procedentes de produtores locais, para xerar un comercio xusto en beneficio das pequenas empresas dando a coñecer as súas marcas e promovendo sinerxías que permitan o seu crecemento e expansión no mercado actual.
Desde Íntegro queremos agradecer de antemán a Origen Galicia o seu compromiso e aposta pola inclusión laboral das persoas con diversidade funcional da Costa da Morte e transmitirlles os nosos parabéns polo seu traballo en prol dun comercio xusto, local e de calidade.