post

Íntegro conmemora o Día da Discapacidade con charlas e faladoiros nas II Xornadas sobre O Valor da Diversidade

Será o 1 de decembro, entre as 18 e as 20 horas, no edificio das escolas de Ponteceso

Con motivo da conmemoración do Día Internacional das persoas con discapacidade (3 decembro), a asociación Íntegro celebrará o vindeiro día 1 as II Xornadas O Valor da Diversidade encamiñadas a sensibilizar á poboación sobre a diversidade funcional e a súa posta en valor como algo positivo e enriquecedor para a sociedade. As actividades programadas, organizadas pola entidade de Nantón e o centro especial de emprego Máis Porvir Xestión Social, arrincarán ás 18.00 horas no edificio das escolas de Ponteceso.

Ademais de charlas e faladoiros sobre diversas temáticas de interese protagonizadas por voces expertas na materia e testemuños directos, haberá talleres de sensibilización simultáneos para os máis pequenos/as coa intención de facilitar a conciliación dos pais e nais que desexen acudir á xornada, aberta á participación de calquera persoa que desexe descubrir o valor que a diversidade aporta á sociedade.

Aínda que non é preciso inscrición previa, recoméndase confirmar asistencia para unha mellor e máis efectiva organización do espazo. Aquí vos deixamos o programa de actividades que se desenvolverá ata as 20.00 horas, e no que tamén colabora o Concello de Ponteceso e Asociación Empresarial Galega de Centros Especiais de Emprego sen ánimo de lucro (Cegasal).

PROGRAMA

18.00 h.-  Apertura a cargo de Adolfo López Baña, presidente da asociación Íntegro, e Marisé Álvarez, concelleira de Servizos Sociais do Concello de Ponteceso.

18.10 h.- Unha tarefa pendente: a accesibilidade. Charla con Virginia Vázquez, terapeuta ocupacional de Íntegro.

18.30 h.- A diversidade no eido laboral. Incentivos á contratación. Esther Blanco, axente de emprego CEGASAL.

19.00 h.- En primeira persoa. Experiencia laborais de persoas con diversidade funcional nun CEE. Modera Sandra Caamaño, xerente CEE Máis Porvir Xestión Social.

19.20 h.- Discapacidade e deporte. Faladoiro protagonizado por Ramón Pombo, José Manuel Mira e Martín Varela, tres referentes no eido do deporte (baloncesto e tenis adaptado) que aportarán as súas vivencias e testemuños directos.

19.40 h.- Asistencia persoal como instrumento facilitador dunha vida plena. Charla moderada por María Redonda, psicóloga da área de axuste persoal do CEE Máis Porvir Xestión Social.

20.00 h.- Peche. José Manuel Mato, alcalde do Concello de Ponteceso.