post

Íntegro impulsa a segunda edición do proxecto de voluntariado interxeracional “Saberes e Sabores”

A iniciativa, financiada maioritariamente pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia cunha subvención de 18.000 euros, abrangue do 1 de xaneiro ao 15 de maio

A asociación Íntegro vén de poñer en marcha a segunda edición do proxecto de voluntariado interxeracional “Saberes e Sabores”, unha iniciativa comunitaria que busca fomentar a convivencia, a colaboración e a aprendizaxe mutua entre persoas de diferentes xeracións arredor da cociña, da terra e do coidado interxeracional.

O proxecto, que se desenvolverá entre o 1 de xaneiro e o 15 de maio, está financiado pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia, cunha achega de 18.000 euros, e dá continuidade a unha experiencia piloto que obtivo unha valoración moi positiva pola súa capacidade de xerar impacto social e vínculos humanos. Ao igual que o ano pasado, esta iniciativa está vinculada ao proxecto Talento Interxeracional da Xunta de Galicia no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resilencia, cofinanciado pola Unión Europea, a través dos fondos NextGenerationEU.

“Saberes e Sabores” promove a participación activa de persoas mozas, persoas maiores e persoas con discapacidade, creando espazos de encontro nos que se comparten coñecementos tradicionais, habilidades prácticas e ferramentas dixitais, ao tempo que se reforza a autonomía persoal, a inclusión social e as redes de apoio solidario.

Tres liñas de acción

Nesta segunda edición, o proxecto estrutúrase arredor de tres actividades principais, que conforman un ciclo completo de cultivo, cociña e coidado comunitario.

  • Medrando Xuntos na Terra: Agricultura Ecolóxica e Tradicional con Tecnoloxía

Esta actividade céntrase na transmisión de saberes vinculados á agricultura ecolóxica e tradicional mediante o traballo práctico nun invernadoiro. As persoas maiores de 55 anos achegarán a súa experiencia en técnicas de cultivo sostible, mentres que as persoas mozas, menores de 35, introducirán o uso da tecnoloxía, ensinando a gravar e documentar os procesos a través do teléfono móbil e a difundilos en redes sociais.

A iniciativa promove a sustentabilidade, a economía circular e o intercambio interxeracional, ao tempo que contribúe á alfabetización dixital das persoas maiores e á difusión de boas prácticas agrícolas.

  • Sabores que Acompañan: Sabores Tradicionais e Tecnoloxía Compartida

Durante 35 días, as parellas interxeracionais compartirán coñecementos culinarios na cociña. As persoas maiores ensinarán receitas tradicionais e adaptadas a unha alimentación saudable, tendo en conta patoloxías frecuentes como diabetes, colesterol ou hipertensión.

Pola súa banda, as persoas mozas acompañarán ás maiores no uso da tecnoloxía para gravar os procesos, documentar receitas e crear un receitario dixital. A actividade combina práctica culinaria con formación en nutrición, promovendo hábitos saudables e o respecto polo patrimonio gastronómico.

  • Tecendo Redes de Coidado: Solidariedade Interxeracional e Alimentación con Apego

A terceira liña do proxecto céntrase no reparto dos alimentos cultivados e elaborados a persoas maiores da contorna en situación de vulnerabilidade, con baixos recursos ou necesidades de apoio. As parellas encárganse da entrega presencial, promovendo non só unha alimentación saudable, senón tamén o acompañamento emocional e a creación de vínculos sociais.

O equipo do invernadoiro destinará dúas horas diarias á entrega de produtos frescos a persoas maiores, mentres que o equipo de cociña fará o propio cos pratos preparados. Esta acción pecha o ciclo de cultivo-cociña-coidado comunitario, consolidando unha rede local baseada na solidariedade, o respecto e a reciprocidade.

Con esta segunda edición de “Saberes e Sabores”, a asociación Íntegro reafirma o seu compromiso coa innovación social, o envellecemento activo, a participación xuvenil e a atención ás persoas máis vulnerables, apostando por proxectos que poñen no centro ás persoas e fortalecen o tecido comunitario desde o local.