Este domingo, ás 17.00 horas, tres dos nosos usuari@s iniciarán, xunto a un monitor, unha experiencia única e inesquecible polo sur da nosa comunidade. Do 24 ao 29 deste mes participarán en Sanxenxo no programa “Lecer Náutico” que organiza todos os anos, dende o 2013, COGAMI en colaboración co Real Club Náutico de Sanxenxo e a Fundación Mapfre. Deste xeito preténdese achegar esta modalidade deportiva ás persoas con diversidade funcional fomentando o contacto directo coa natureza dende o medio mariño.
Esta actividade terá unha duración de sete días durante, os cales os participantes recibirán un curso de vela de 20 horas impartido por persoal especializado do Real Club Náutico. As clases serán de carácter práctico e consistirán en saír a navegar pola ría de Pontevedra, unha oportunidade única para iniciarse na complexa arte da navegación pero tamén para gozar coas impresionantes vistas que ofrece ese fermoso lugar. Entre tanta aprendizaxe seguro que haberá tempo para facer un pouco turismo pola zona e dar boa conta da gastronomía local. Boa viaxe e a gozar da aventura! Seguiremos informando.