post

A Asociación Íntegro crea Bicos de Amora, unha liña de xabóns de glicerina que presentará en Baio ten a Pelota

A 4ª Xornada da Inclusión que a Asociación Íntegro celebrará este venres 6 de maio en Baio, coincidindo co evento comercial Baio ten a Pelota, vén cargada de actividades e moitas novidades. Unha das máis agardadas polos usuarios/as do centro ocupacional de Nantón será a presentación do seu último proxecto: unha liña de xabóns de glicerina que se van comercializar coa marca Bicos de Amora.

Esta singular iniciativa é froito da mestura entre o traballo e a creatividade que caracteriza o obradoiro de Artes Manuais do noso centro ocupacional. Unha andaina que comezou hai algo máis de un ano coa implantación de varios cursos de formación ata converternos en fabricantes dos nosos propios produtos. Dende entón percorremos un longo camiño que xa comeza a dar os seus froitos, porque cada vez son máis as persoas e entidades que depositan a súa confianza en nós para realizar os seus agasallos e encargos institucionais. A nosa ampla gama de deseños de xabón, con multitude de formas, cores e olores, convérteno no regalo perfecto: útil, orixinal e personalizado. Un produto idóneo para calquera persoa, evento ou circunstancia.

IMG_20160503_121208Ademais, toda a liña de xabóns de glicerina son 100% naturais e están elaborados artesanalmente, respectando os tempos de fabricación e reforzando o noso compromiso co medio ambiente. Unha produción artesanal que lle outorga a cada peza un toque único e diferente, con selo propio e garantía de calidade.

Pero Bicos de Amora pretende ser moito máis! É unha porta aberta ao mercado laboral para persoas con diversidade funcional, capaces de traballar, de crear e de poñer en valor todas as súas habilidades e coñecementos. Dende Íntegro agardamos e confiamos en que o lanzamento desta nova marca veña acompañado de novas oportunidades que melloren o emprego e avancen cara a inclusión do colectivo.

Un nome con esencia

E como nada é casual, o seu nome non podía ser menos. A elección de Bicos de Amora pretende ser unha viaxe ás orixes, á terra, ás amoras mermelada-casera-de-mora-500x375da nosa infancia e aos beizos tinguidos pola súa cor morada. Un salto agarimoso ao pasado e á natureza salvaxe da Costa da Morte, sempre presente nas nosas vidas e cada vez máis accesible. Formas, olores e cores que evocan cada un dos elementos que conforman a paisaxe da nosa costa. Un mar de sensacións, intensas e pracenteiras, capaz de debuxar sobre a nosa pel suavidade, frescura e forza como sinais de identidade. Unha marca viva e con esencia deseñada para coidar da túa saúde e do benestar de toda a familia.

Esta fin de semana, en Baio ten a Pelota, o stand de Íntegro encherase de Bicos de Amora para todos e todas. Agardámosvos no noso punto de venta, situado na rúa Obispo Romero Lema, cunha ampla variedade de mostras de xabóns e moitos máis artigos, algún tan novidosos como as pulseiras de macramé ou as tellas decoradas á man e personalizadas polos nosos usuarios/as.