- Celebráronse dúas xornadas de sensibilización nas que participaron preto de 100 escolares de 4º da ESO
- Esta iniciativa, incluída no programa conmemorativo do 30 aniversario de Íntegro, xa se levou a cabo neste 2022 en varios centros de Laxe, Coristanco e Zas e nas vindeiras semanas visitará outros institutos do Concello de Carballo
A campaña de prevención da lesión medular de Íntegro chegou esta semana ao IES Alfredo Brañas de Carballo coa celebración de varias xornadas de sensibilización, dirixidas ao alumnado de 4º da ESO. Ao longo de dous días, responsables da entidade deron a coñecer as causas e consecuencias dos accidentes medulares ao tempo que concienciaron aos máis novos sobre a importancia de evitar situacións de risco, especialmente en estradas, praias e piscinas, por ser os principais focos de sinistralidade entre a mocidade.
Un total de 96 alumnos e alumnas participaron nas diferentes sesións informativas ofrecidas pola educadora social de Íntegro, Tania Bartucca, que acudiu acompañada de José Manuel, un voluntario do programa que non dubidou en expoñer o seu caso como exemplo de forza e superación, e Noé, un usuario da entidade que asistiu ás charlas programadas para o segundo día. Ademais da explicación teórica e do testemuño real, procedeuse á proxección do vídeo “A ti tamén che pode pasar”.
A campaña de prevención da lesión medular, incluída na programación conmemorativa do 30 aniversario de Íntegro, xa leva percorrido neste 2022 varios concellos da Costa da Morte. Entre os máis recentes, destacan as visitas a varios centros educativos de Laxe, Coristanco e o CIP de Zas. Así mesmo, as charlas no Concello de Carballo continuarán nas vindeiras semanas para achegar a campaña ao alumnado do IES Monte Neme e o IES Isidro Parga Pondal.
Desde Íntegro queremos agradecer a implicación e colaboración da comunidade educativa na difusión desta campaña co dobre obxectivo de crear conciencia entre os máis novos/as e apostar por unha educación en valores, máis responsable e inclusiva.
Os centros educativos que estean interesados en adherirse a esta campaña ou a calquera dos programas de sensibilización postos en marcha pola entidade, non teñen máis que poñerse en contacto co centro enviando un correo electrónico a formacion@integro.es ou nos teléfonos 981 734 985 e 650 961 649.