A asociación Íntegro desenvolverá ao longo deste ano un proxecto piloto pioneiro no ámbito rural que busca unir xeracións a través da agricultura, a cociña e a artesanía. Baixo o título “Da horta á cociña”, esta iniciativa, vinculada ao proxecto piloto Talento Interxeracional da Xunta de Galicia no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resilencia, cofinanciado pola Unión Europea, a través dos fondos NextGenerationEU, cunha achega de 13.000€, aposta pola colaboración entre persoas maiores de 55 anos e mozos e mozas menores de 35 co obxectivo de fomentar a aprendizaxe mutua, reducir o illamento social e ofrecer novas oportunidades de futuro á mocidade do rural.
O programa, que se desenvolve de febreiro a outubro, nace para dar resposta a dous problemas que afectan especialmente ás zonas rurais: a falta de oportunidades para a mocidade, que provoca a súa marcha ás cidades, e a soidade e o illamento social das persoas maiores, agravado pola dispersión xeográfica. Desde xeito, poñeremos en valor a sabedoría das persoas maiores ao tempo que promovemos a creatividade e o manexo das novas tecnoloxías entre a xuventude. Nas actividades, participarán oito persoas voluntarias organizadas en parellas interxeracionais.
“Da horta á cociña” estruturarase arredor de tres actividades principais:
- . Cultivando Sabedoría: transmisión de técnicas de agricultura tradicional e ecolóxica, combinadas co uso de tecnoloxía para gravar e difundir os procesos en redes sociais.
- . Cociñando Xuntos: elaboración de receitas tradicionais e aprendizaxe sobre nutrición, coa creación dun receitario dixital como resultado.
- . Tecendo Conexións: preservación de técnicas artesanais de tecido e teares, á vez que se documenta e comparte o proceso en plataformas dixitais.
A través do voluntariado interxeracional, búscase dar unha resposta innovadora a estes retos, xerando espazos de convivencia e colaboración que contribúan á cohesión social e á revitalización das comunidades. Neste senso, o presidente da entidade Adolfo López Baña destacou que “este proxecto debe ser un sementeiro de ideas e relacións que fortalezan o rural, demostrando que as xeracións teñen moito que achegarse mutuamente”.
Con esta experiencia piloto, “Da horta á cociña” aspira a converterse nun modelo replicable noutros territorios rurais, impulsando un futuro máis xusto, sostible e cohesionado para todas as xeracións.





