post

O director xeral de Inclusión Social garante o seu apoio a Íntegro a través do programa Avanza Inclusión

Foi durante o transcurso da visita realizada esta mañá aos centros de Día e de Recursos para comprobar in situ a boa marcha dos novos proxectos de inserción socio-laboral impulsados pola Xunta de Galicia

Esta maña recibimos a visita do director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado Puente, que se achegou ata Nantón para coñecer de primeira man o desenvolvemento dos novos programas de inserción socio-laboral que se están levando a cabo no centro, promovidos pola Consellería de Política Social para os anos 2018, 2019 e 2020, e co-financiados polo Fondo Social Europeo (FSE) no marco dos programas operativos FSE Galicia 2014-2020. Así mesmo, o responsable autonómico aproveitou a ocasión para realizar un exhaustivo percorrido polas nosas instalacións xunto ao presidente de Íntegro Adolfo López Baña; a directora Noelia Barreira;  a traballadora social e coordinadora dos proxectos Sandra Reimúndez e os nosos usuarios/as, que exerceron de excelentes anfitrións/as.

No transcurso da visita, Arturo Parrado tivo a oportunidade de comprobar in situ a evolución de dous novidosos proxectos postos en marcha, de maneira simultánea, hai xa algúns meses, co obxectivo de mellorar a empregabilidade daqueles colectivos sociais máis desfavorecidos.  Trátase dun curso de preparación de competencias Clave e a posta en marcha do programa Avanza Inclusión, este último destinado preferentemente a persoas con diversidade funcional e que sexan mulleres, prioritariamente. Ambas iniciativas están co-financiadas pola Xunta de Galicia e o FSE cunha aportación económica que ronda os 80.000 €.

Durante a xuntanza mantida cos representantes de Íntegro, o director xeral destacou o importante labor que está a desenvolver a entidade en favor das persoas con diversidade da Costa da Morte ao tempo que garantiu a continuidade do apoio da Xunta de Galicia para a posta en marcha de futuros proxectos de carácter social. Pola súa banda, Adolfo López Baña, agradeceu a colaboración do goberno autonómico e subliñou que “o respaldo institucional neste tipo de accións é clave para lograr avanzar no camiño da inclusión social e na consecución de proxectos futuros que posibiliten a accesibilidade no marco social, laboral e persoal”.

Aproveitando a súa estancia no centro, o titular de Inclusión Social percorreu, unha a unha, as diferentes salas do centro para coñecer o funcionamento dos obradoiros e, especialmente, dos talleres ocupacionais, onde estivo conversando cos nosos usuarios sobre o proceso de elaboración dos produtos artesanais. Ademais, non puido resistirse aos últimos deseños da colección de xabóns de glicerina Bicos de Amora, cos que foi obsequiado, a modo de recordo, ao rematar a xornada.