O ximnasio conta agora con dúas novas máquinas adquiridas coa venda do calendario benéfico 2017 e cunha aportación da asociación
En Íntegro sabemos que os soños poden facerse realidade e hai uns días puidemos comprobalo coa ampliación do servizo de ximnasia terapéutica do Centro de Recursos de Nantón, financiada grazas a unha aportación económica da asociación e a recadación obtida pola venda do calendario benéfico para o 2017 no que colaboraron desinteresadamente un nutrido grupo de caras famosas e 11 fotógrafos/as, estes últimos na súa maioría da Costa da Morte. Agora, cos beneficios desta campaña solidaria e o financiamento da entidade, os nosos usuarios e usuarias xa están a gozar dun ximnasio máis amplo e renovado grazas á incorporación do novo material técnico, consistente nunha cinta de correr e unha bicicleta elíptica, capaz de cubrir as súas necesidades e imprescindible para que desenvolvan unha máis vida saudable e de calidade. Neste sentido, a entidade ten previsto continuar dotando a sala con máis aparatos que contribuan a estimular e favorecer o benestar físico das persoas con diversidade.
Calendario benéfico
Na elaboración do calendario, esgotado en todos os puntos de venda aos poucos días da súa edición a finais do ano pasado, participaron centos de persoas que de forma desinteresada e altruísta aportaron o seu gran de area para converter en realidade un proxecto benéfico que perseguía unha dobre finalidade: mellorar a condicións de vida dun grupo de persoas con diversidade funcional da Costa da Morte e dar maior visibilidade a un dos colectivos máis vulnerables da sociedade. Un obxectivo cumprido grazas aos 14 rostros famosos -entre os que figuran prestixiosos deportistas, cociñeiros/as, científicos, escritoras e destacados nomes do cine, o xornalismo e a televisión- que cederon a súa imaxe a esta causa, compartindo protagonismo cos nosos usuarios/as, e aos 11 fotógrafos/as que inmortalizaron cos seus obxectivos escenas divertidas e cotiás nas que os seus protagonistas fan gala das súas aptitudes e capacidades #porunanoconmenosbarreiras, como rezaba o lema da campaña.
Pero o éxito alcanzado é froito tamén do traballo realizado polos/as responsables do deseño e elaboración do almanaque así como polos preto de vinte establecementos que colaboraron na distribución e venda do mesmo, distribuídos pola Costa da Morte e as cidades de A Coruña e Lugo.
Grazas a todos/as eles/elas e, moi especialmente, a todas aquelas persoas que, cunha aportación de 5€, quixeron apoiar esta fermosa causa mercando o calendario de Íntegro para o 2017.
Un xesto solidario en beneficio de quen máis o necesita. GRAZAS!!