post

La Caixa de Baio, en Zas, financia o programa de vida comunitaria de Íntegro

Esta aportación económica posibilitará a realización de saídas ao exterior para promover as relacións sociais e desenvolver actividades cotiás de forma autónoma 

En Íntegro estamos de parabéns! A oficina de La Caixa de Baio, en Zas, fixo entrega dunha axuda económica á nosa entidade co obxectivo de financiar o programa de actividades de vida comunitaria no exterior.

O presidente de Íntegro, Adolfo López Baña, e a directora de La Caixa de Baio, María Martínez, durante a sinatura

Logo dun ano especialmente difícil para as persoas con diversidade funcional, debido ao longo confinamento provocado pola COVID-19, a iniciativa foi acollida con gran alegría e satisfacción tanto polo persoal e equipo directivo do centro como polos propios usuarios e usuarias, que ven así cumprido o soño colectivo de retomar as actividades no exterior e realizar saídas en grupos reducidos,  mantendo as medidas de seguridade e hixiene, como viñamos facendo ata agora.

Recuperar a nosa vida social comunitaria resulta imprescindible para garantir o benestar e desenvolvemento persoal das persoas con diversidade funcional, sobre todo,  tras tantos meses de inactividade, nos que as relacións interpersoais quedaron limitadas ao grupo de conviventes.  Agora, máis ca nunca, urxe retomar as relacións sociais e realizar de novo actividades cotiás que nos aporten experiencias gratificantes e enriquecedoras e que, ademais, posibiliten o desenvolvemento dunha vida comunitaria inclusiva, de calidade e 100% autónoma. Grazas a La Caixa de Baio, farémolo realidade.

post

Íntegro e La Caixa de Baio asinan un convenio para a formación de 12 persoas con diversidade funcional da Costa da Morte

Trátase dunha acción de capacitación e inserción laboral especializada na limpeza de superficies e mobiliario en edificios e locais

As persoas con diversidade funcional da Costa da Morte e, preferentemente, as mulleres, están de parabéns porque dende esta semana xa contan cun novo programa de formación, denominado Capacítate, destinado a mellorar a súa capacitación profesional e facilitar a súa inserción sociolaboral para a procura dun emprego de calidade adaptado aos perfís dos/as solicitantes.

Trátase dunha acción formativa, de 200 horas de duración, orientada á “limpeza de superficies e mobiliario en edificios e locais” coa finalidade de profesionalizar un sector en auxe e potenciar novas alternativas de emprego na zona, especialmente entre os colectivos máis vulnerables. O centro de recursos de Nantón foi onte o lugar escollido para formalizar a sinatura do convenio de cooperación entre a asociación Íntegro e La Caixa de Baio (Zas), entidade co-financiadora do proxecto. Precisamente, a súa directora, Inmaculada Pérez,  destacou a importancia de promover actuacións conxuntas para favorecer a inclusión social, cultural e laboral das persoas do rural e, sobre todo, das mulleres “que, en ocasións, sofren dobre discriminación pola súa condición sexual”, engadiu o presidente do colectivo, Adolfo López Baña que tamén estivo acompañado pola traballadora social do centro, Sandra Reimúndez.

Atención individual

Nun principio só 12 alumnos/as formarán parte desta novidosa e interesante iniciativa coa finalidade de ofrecer unha formación individualizada e adaptada ás necesidades e características de cada participante e obter un maior aproveitamento das clases. Durante as sesións de orientación utilizaranse diferentes recursos educativos e desenvolveranse varios enfoques e metodoloxías de asesoramento, formación en habilidades sociais e laborais, itinerarios de emprego e acompañamento persoal para fomentar a participación activa do alumnado.

O curso, que se vai impartir nas instalacións de Nantón (Cabana), estará dividido en seis módulos;  catro teóricos, un de competencias transversais grupais e individuais, e outro de prácticas laborais non profesionais para poñer a proba os coñecementos adquiridos e promover a técnica de “aprender facendo”.

As persoas interesadas en participar neste novo programa formativo deberán formalizar a súa inscrición o antes posible nas oficinas de Íntegro debido ao reducido número de prazas dispoñibles. O horario de atención ao público é de luns a venres, de 09 a 17h. Máis información no 981 734 985.