post

Íntegro combate a corentena con formación e servizos de atención psico-social e laboral

A entidade combina o apoio telefónico e on-line coas visitas presenciais para achegar aos usuarios/as e ás súas familias, así como ás persoas con disCapacidade e/ou en risco de exclusión,  asesoramento e apoio a través de programas como Avanza Inclusión e o PIMD Rural

A raíz de decretarse o estado de alarma, o pasado 14 de marzo, a asociación Íntegro viuse na obriga de pechar as instalacións do Centro de Recursos, onde están situados o Centro de Día e Ocupacional así como a Área de Servizos (INFOASE, Avanza Inclusión e PIMD Rural) de atención a persoas con discapacidade, co fin de facer fronte á situación de emerxencia sanitaria provocada polo COVID-19. Sen embargo, dita medida non logrou frear moitos dos servizos e actividades que viña desenvolvendo a entidade en materia de atención formativa e psico-social para garantir o correcto desenvolvemento dos nosos usuarios/as e as súas familias, así como o das persoas con disCapacidade e/ou en risco de exclusión social.

Así, a través do programa “Avanza Inclusión”, cofinanciado pola Consellería de Política Social da Xunta de Galicia, podemos continuar desenvolvendo o labor de acompañamento social e apoio na xestión de trámites burocráticos aos nosos usuarios e usuarias, ás súas familias e ás persoas con disCapacidade e/ou en risco de exclusión social, tan necesario nestes difíciles momentos. Ademais dos servizos de axuda telefónica e on-line, que a entidade vén prestando desde o inicio da corentena, estase a ofrecer apoio presencial a través de visitas domiciliadas, previamente concertadas, que posibilitan a detección de novas necesidades e/ou conflitos e a súa resolución.
As persoas interesadas en solicitar a nosa axuda e/ou formularnos as súas dúbidas, poden poñerse en contacto coa entidade chamando aos teléfonos 981 7349 85 / 650961649 ou enviando un correo electrónico a info@integro.es e unha das nosas traballadoras porase en contacto con elas á maior brevidade posible para atopar as respostas que precisen.

PIMD Rural

Outro dos programas que non para de medrar en número de usuarias e actividades é o Punto de Intervención para Mulleres con Diversidade Funcional do Rural (PIMD Rural), que continúa desenvolvendo numerosas accións como vén facendo desde a súa implantación en 2016. Tras a declaración do estado de alarma, tivemos que modificar o sistema de traballo e a comunicación coas mulleres beneficiarias do programa, centrándonos na atención telefónica e online para seguir prestándolle todos os servizos e cubrir as súas novas necesidades (información sobre prestacións económicas, recursos individuais, formación telemática, mediación telefónica con empresas…).

Este ano, desde a asociación Íntegro estamos a traballar arreo en dous eixes fundamentais para a consecución dunha vida plena e autónoma: a prospección do emprego, a través da colaboración con varias empresas da contorna, e a mediación familiar, ofrecendo asesoramento e apoio na resolución de cuestións de carácter laboral (renovación tarxeta demandante, prestación SEPE…), agora incrementadas a raíz da crise sanitaria-económica. Así mesmo, desde a entidade continuamos traballando o fomento da igualdade de oportunidades entre
mulleres e homes como elemento básico da atención especializada.

O PIMD Rural, é un programa subvencionado pola Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia, dirixido, prioritariamente, a mulleres con disCapacidade pero tamén a toda a poboación feminina que resida no rural. Entre as actuacións desenvolvidas destacan a mediación intercultural e/ou familiar e as medidas de orientación laboral e de acompañamento na busca de emprego, por conta propia e o emprendemento, así como a
prospección do mercado de traballo, a intermediación e a titorización, laboral e profesional. Debido á situación de emerxencia sanitaria que estamos a vivir, desde Íntegro estase a ofrecer asistencia telefónica permanente a todas as mulleres con ou sen diversidade funcional que viven no rural. No caso de precisar axuda con algún trámite laboral ou de mediación, abonda con chamar ao teléfono 981 743 985 ou enviar un mail a info@integro.es.