post

Clausurado o obradoiro de acondicionamento de exteriores organizado polo Concello de Ponteceso para persoas en risco de exclusión

Hoxe foi clausurado o obradoiro de acondicionamento de exteriores organizado polo Concello de Ponteceso e subvencionado pola Deputación Provincial da Coruña co obxectivo de mellorar a empregabilidade das persoas en risco de exclusión social. Un total de 14 alumnos/as participaron na acción formativa impartida dende o mes de xuño pola empresa de economía social Máis Porvir, participada ao 100 % pola Asociación Íntegro.

No acto de clausura, celebrado na Casa da Cultura de Ponteceso, participaron o alcalde, Lois García Carballido, e a concelleira de Servizos Sociais, Isabel Vuelta, en representación do Concello. Por parte de Máis Porvir asistiron o administrador e a xerente da empresa, Adolfo López Baña e Sandra Caamaño. A acción formativa incluíu módulos de carpintería e xardinería, busca activa de emprego e habilidades sociais. O alumnado recibiu os seus diplomas e rematou a participación no curso compartindo un aperitivo.

O obradoiro de acondicionamento de exteriores non só cumpriu o obxectivo de formar a un grupo de persoas para mellorar as súas posibilidades de inserción laboral en dúas áreas nas que hai demanda de persoal, como son a xardinería e o mantemento de mobiliario urbano, senón que ademais permitiu recuperar espazos verdes e restaurar elementos do mobiliario urbano pontecesán deteriorados polos efectos do vandalismo. “Grazas a estas iniciativas e á colaboración dos concellos conseguiremos que se xere emprego, e polo tanto riqueza, na zona”, destacou o administrador de Máis Porvir. O alcalde de Ponteceso, pola súa banda, reiterou o seu compromiso de implicación para acadar o obxectivo da inserción laboral.