post

Íntegro celebrará a 2ª edición do FestIgual, diversamente iguais cunha gran mexillonada e un concerto en Nantón

  • O evento, que conta coa colaboración do Concello de Cabana e a empresa de Xestión Social Máis Porvir, terá lugar o 1 de xuño a partir das 12.00 horas
  • A pre-venda de tickets arrincará o vindeiro día 29 e prolongarase ata o 17 de maio

A asociación Íntegro vén de celebrar na casa do concello de Cabana de Bergantiños a presentación oficial da 2ª edición do FestIgual, diversamente iguais, unha xornada de convivencia lúdico-festiva, organizada pola entidade con sede en Nantón en colaboración coa empresa de economía social Máis Porvir Xestión Social e o consistorio cabanés.

Tras o éxito acadado o ano pasado, Íntegro volve apostar pola procura de espazos de encontro coa cidadanía poñendo o foco de atención na diversidade como valor dunha sociedade que traballa pola plena inclusión e a igualdade de oportunidades para todos e todas.

A música tradicional, a artesanía, os obradoiros e os xogos para a cativada volven ser os protagonistas desta nova edición, á que se suman dúas importantes novidades: unha velada nocturna amenizada polo grupo Versión Imposible e unha gran mexillonada que poderán degustar todos os/as asistentes a esta gran festa interxeracional, que terá lugar o 1 de xuño, a partir das 12.00 horas, en Nantón (Cabana de Bergantiños).

Esta iniciativa, que contará de novo coa participación de artesáns, produtores locais e diversas entidades da contorna, pretende, un ano máis, converterse nunha xuntanza popular “unindo persoas, sen etiquetas nin apelidos, nunha gran festa para celebrar a diversidade e a pluralidade como elementos enriquecedores dunha sociedade”, apuntou o presidente Adolfo López Baña. Por iso, desde a organización convídase a todos os veciños e veciñas da contorna e de fóra a participar nesta xornada, de acceso libre e totalmente de balde, na que tan só hai que ter ganas de compartir, bailar, desfrutar, conversar e troulear para poñer en valor a importancia de vivir nunha comunidade máis participativa, plural, diversa e inclusiva, na que todos e todas somos diferentes e iguais ao mesmo tempo.

Pola súa banda, o alcalde de Cabana, José Muíño, tamén presente no acto, recordou o éxito de participación da pasada edición e expresou o seu desexo de que este ano volva a repetirse e incluso superarse, polo que animou a toda a veciñanza a sumarse a este día de festa e celebración.

Programa

  • Música

12.00h. Pasarrúas a cargo do grupo de música tradicional O Son do Castro

13.30h. Sesión vermú estendida co Trío Karma

16.30h. Discomóbil FABRIK (DJ CHAFU)

21.30h. Concerto Versión Imposible

  • Gastronomía

Ao mediodía, Gran Mexillonada e ración variadas. E pola noite, degustación dos mellores petiscos ao ritmo da música. Venda anticipada de tickets no 981 734 985/ 650 961 649, a través del correo electrónico info@integro.es  e nas propias instalacións. Pre-venda promocional (bebida + ración mexillóns + pan + petisco a elixir + larpeira= 10€) do 29 de abril ao 17 de maio, ambos inclusive.

  • Animación infantil

16.00h-20.00h. Inchables, xogos e pintacaras para a cativada

  • Artesanía

13.00h-20.30h. Postos de artesanía e produtos ecolóxicos. Participarán produtores locais e entidades sociais da Costa da Morte.

  • Medio ambiente

Polo simbólico prezo de 1€ todos os/as asistentes poderán mercar os seus propios envases reutilizables, de uso obrigatorio durante a festa como mostra de compromiso social no coidado do medio ambiente e a sostibilidade do planeta.