Onte 34 alumnos/as do IES Eduardo Pondal asistiron a unha charla sobre lesións medulares e 59 do CEIP San Vicenzo de Vimianzo desprazáronse ata Nantón para participar no Visítanos. Hoxe, a campaña de prevención aterrou no CPI de Zas
Tras as vacacións de Semana Santa, a comunidade educativa da Costa da Morte volveu ser a protagonista de varios programas de sensibilización e normalización inclusiva postos en marcha pola asociación Íntegro para achegar a diversidade funcional aos nosos mozos e mozas. Así, entre onte e hoxe celebráronse varias actividades didácticas nas que participaron máis de 100 estudantes. Onte a campaña de prevención de lesións medulares chegou ata as aulas de 4º da ESO do IES Eduardo Pondal de Ponteceso mentres que o Centro de Recursos de Nantón acollía unha nova edición do Visítanos, na que participaron preto de 60 nenos e nenas do CEIP San Vicenzo de Vimianzo. E hoxe, tocoulle a quenda ao CPI de Zas, onde se levou a cabo un encontro con estudantes de 3º e 4º da ESO para falar sobre as causas e consecuencias dunha lesión medular.
O regreso ás aulas no IES de Ponteceso chegou con novidades, polo menos para os 34 alumnos e alumnas de 4º da ESO que participaron na campaña de prevención de lesións medulares, organizada pola entidade para concienciar aos máis novos/as sobre a necesidade de evitar sinistros, na súa maioría, irreparables. E sobre as causas e consecuencias dos accidentes medulares xirou a xornada de onte, na que ademais de proxectarse o novo vídeo da campaña deste ano tamén se celebrou unha charla-coloquio cos estudantes, que se amosaron moi participativos/as e interesados/as, especialmente durante o relato de varias testemuñas reais, vítimas de lesións. Idéntica sesión se repetíu hoxe no CPI de Zas en presencia de 32 mozos e mozas de 3º e 4º de secundaria.
Visítanos!
Quen marchou coa lección ben aprendida foi o alumnado de 5º e 6º de primaria do CEIP San Vicenzo de Vimianzo, tras o seu paso onte polas nosas instalacións de Nantón dentro do programa Visítanos, unha acción englobada no programa Capacíta-T dirixida a sensibilizar aos máis pequenos en materia de diversidade e inclusión. Tras abordar o significado destes conceptos, para descartar ideas preconcibidas e, ás veces, erróneas, proxectouse un vídeo explicativo titulado “Lo incorrecto”.
De seguido, os 59 nenos e nenas participantes dividíronse en varios grupos e comezaron a percorrer as instalacións para coñecer un a un os diferentes obradoiros do centro. Os xogos de habilidade da sala de logopedia deron paso á creatividade que empregaron para elaborar os xabóns de glicerina e as pulseiras de macramé. Os circuítos de mobilidade no ximnasio e o taller de cociña, onde elaboraron unhas saborosas rosquillas, foron dúas das actividades que causaron maior expectación, aínda que o máis sorprendente da xornada foi a creación dun “galiñófono” na aula de música, un novo instrumento musical feito con vasos de plástico e un pouco de fío.
Ao final, cada equipo expuxo as súas impresións sobre o aprendido no centro e entre todos/as confeccionaron un mural co máis destacado do seu paso pola entidade, no que seguro figuraban en primeiro término as palabras diversión e aprendizaxe. Grazas a todos/as!