post

Marzo arrinca con novas accións formativas para o Grupo Xuvenil de Íntegro

  • A vindeira semana dará comezo a 2ª edición do proxecto de protección ambiental “Coidemos o noso entorno”, incluído no programa Iniciativa Xove que financia a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Xunta de Galicia
  • Ademais de varios obradoiros sobre compostaxe doméstica, as “3R” e novos hábitos saudables, a entidade tamén porá en marcha outros cursos para persoas voluntarias 

Tras o éxito de participación acadado o ano pasado co proxecto de protección medioambiental “Coidamos o noso entorno”, na asociación Íntegro xa estamos a traballar na segunda edición incluída no programa Iniciativa Xove, que financia a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Xunta de Galicia. Así, ao longo deste mes, desenvolveranse diversas accións formativas e interesantes actividades ao aire libre, dirixidas aos integrantes do noso Grupo Xuvenil.

A primeira actividade do calendario dará comezo xa a finais da vindeira semana e consistirá na realización dun obradoiro sobre compostaxe doméstica, no que se abordarán cuestións relacionadas coa súa montaxe, funcionalidade e beneficios medioambientais. Ademais, da formación teórica, os/as alumnos terán a oportunidade de traballar na fabricación do noso propio composteiro, cedido por Sogama xunto ao material formativo necesario para o curso. As sesión desenvolveranse respectando o protocolo anti-COVID para garantir a seguridade e benestar de todos/as (distancia social, lavado de mans e xel hidroalcólico e uso obrigatorio de mascarilla).

As persoas, con idades comprendidas entre os 16 e os 35 anos, que estean interesadas en participar nesta actividade poderán inscribirse ata o mércores 10 enviando un mail a info@integro.es. Hai prazas limitadas!

 + actividades

Ao longo do mes de marzo tamén está previsto desenvolver outras actividades formativas orientadas ao coidado e protección do medio ambiente, como un obradoiro sobre as “3R” (Reducir, Reciclar e Reutilizar) que xirará arredor da necesidade de darlle unha segunda vida aos obxectos e produtos, e un curso sobre hábitos de consumo responsable titulado “Invercook”, que permitirá aos membros do noso Grupo Xuvenil descubrir de primeira man o percorrido que realizan, da terra á mesa, os produtos do noso invernadoiro.  Ambas iniciativas, que xa van pola súa 2ª edición, tamén forman parte do programa Iniciativa Xove para mozos e mozas de 16 a 35 anos, e son unha mostra máis do noso compromiso e respecto polo medio ambiente.

Por outra banda, nas vindeiras semanas as instalacións de Nantón tamén acollerán  novas accións formativas para persoas voluntarias de Íntegro, dentro do proxecto de actividades de captación, sensibilización e formación do voluntariado, financiado pola Consellería de Política Social a través da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado. E se aínda non es voluntario/a, inscríbete xa e benefíciate das vantaxes de formar parte do noso equipo.