Alumnos e alumnas de 3º ESO foron informados/as sobre a importancia de coñecer e evitar riscos en praias, piscinas e estradas, principais puntos negros durante o temporada estival
A piques de rematar o curso escolar, en Íntegro apuramos as últimas visitas aos centros escolares de primaria e secundaria da Costa da Morte para continuar divulgando a campaña de prevención de lesións medulares promovida pola asociación Íntegro e co-financiada pola Xunta de Galicia e a Deputación da Coruña xunto a outras entidades públicas e privadas entre as que figuran as diferentes administracións locais da zona.
Esta semana os protagonistas foron os alumnos e alumnas de 3º da ESO do CPI Alcalde Xosé Pichel de Coristanco. Ata alí desprazáronse o presidente de Íntegro, Adolfo López Baña, o vogal da entidade David Pombo e dúas das nosas socias e voluntarias, Teresa e Elena. Nesta ocasión, xunto aos poñentes tamén acudiu a nosa usuaria Jessica, que lle fixo entrega aos estudantes duns folletos informativos nos que se detalla polo miúdo que é unha lesión medular e cales son as principais causas e consecuencias de padecela. Durante a charla teórica, seguida con gran interese e expectación polo alumnado, fíxose especial fincapé na necesidade de adoptar medidas de prevención para evitar este tipo de accidentes, na súa maioría mortais ou de secuelas irreparables. Neste senso, insistiuse na necesidade de non realizar prácticas de risco, como “zambullidas” en praias ou piscinas e imprudencias ao volante por inxestión de alcol, estatisticamente máis frecuentes durante a temporada estival. Os conferenciantes tamén relataron as súas propias vivencias e as dificultades de vivir sobre unha cadeira de rodas, momento que suscitou gran curiosidade entre os mozos e mozas, interesados/as en descubrir como era o seu día a día.
E despois da teoría, toca práctica! Máis dunha trintena de alumnos/as abandonaron as aulas para poñer a proba a súa habilidade e destreza sobre dúas rodas. E non o fixeron nada mal! Tras realizar un circuíto de obstáculos coa mobilidade reducida deixaron claro que en materia de diversidade están máis que capacitados/as. Pola nosa banda, en adaptación, empatía e superación a nota final é un sobresaínte. Parabéns!