post

A Deputación da Coruña cofinanciará as obras de ampliación da sede de Íntegro

Así o confirmou o presidente provincial durante a visita que realizou á sede de Nantón, xunto ao alcalde de Cabana, José Muíño

A actuación, que tamén estará cofinanciada pola Xunta de Galicia, a Fundación ONCE e o propio centro, consistirá na creación dun novo volume de 110 metros cadrados para ampliar a aula ocupacional, a cociña e a zona de aseos e vestiarios

O presidente da Deputación Provincial da Coruña, Valentín González Formoso, visitou  as instalacións de Íntegro xunto ao alcalde de Cabana, José Muíño, e o presidente da asociación, Adolfo López Baña, ademais doutros membros e responsables da entidade e do goberno municipal, así como da empresa de xestión social MáisPorvir.

Tras un percorrido polas dependencias para coñecer de preto as actividades e os programas que se desenvolven desde os centros de Día, de Recursos e Ocupacional, manifestou o seu compromiso de apoiar economicamente as obras de ampliación da actual sede de Nantón “para seguir aportando recursos económicos e capacidades que lles permitan ir materializando, pouco a pouco, non só o traballo que fan diariamente, que é enorme, atendendo a máis de 40 familias, senón tamén as ilusións e as aspiracións da asociación”, subliñou. Así mesmo, fixo alusión á estreita e permanente colaboración da Deputación coa entidade a través do financiamento de actividades e programas así como dos traballos de reparación da cuberta do edificio, a creación dunha marquesiña ou o pintado interior, entre outras actuacións.

Pola súa banda, Adolfo López Baña agradeceu á Deputación a visita e as axudas que cada ano concede para o mantemento e mellora do centro e engadiu que “os que máis agradecidos/as están son os usuarios e usuarias de toda a Costa da Morte que veñen ao centro, que agora mesmo son 43 e 5 máis en  lista de agarda”. “Nós o que queremos é dar cobertura a cantas máis familias mellor porque para elas este tipo de centros é moi importante, non só para o respiro familiar senón para a inclusión laboral e social dos seus familiares”, destacou. Tamén o alcalde de Cabana, José Muíño, fixo referencia á necesidade de colaboración entre as diferentes institucións para “tender pontes que axuden á xente máis necesitada. É moi bonito que esteamos xuntos, que colaboremos nunha forma de traballar baseada no respecto institucional”, matizou.

Programa FOAXE-C

Por outra banda, a Deputación da Coruña vén de facer públicas as subvencións correspondentes ao programa FOAXE-C para entidades sen fins de lucro, destinadas ao mantemento dos diferentes centros de servizos sociais da provincia para o ano 2022. Neste senso, a achega provincial para a nosa entidade ascenderá a 28.500,00 € (0,2504% ), que irán destinados á posta en marcha de diferentes programas e actividades do noso Centro de Día encamiñados a mellorar o benestar e calidade de vida das persoas usuarias.