post

Clausurado o obradoiro de carpintería de Íntegro cun compromiso dos concellos de potenciar a formación

A Asociación Íntegro clausurou hoxe o obradoiro de carpintería que se desenvolveu ao longo dos últimos seis meses grazas ao financiamento da Xunta de Galicia e o Fondo Social Europeo e á colaboración do Concello de Cabana de Bergantiños. No acto participaron representantes dos concellos de Malpica, Laxe, Zas, Ponteceso e Cabana, cinco concellos que, a raíz desta iniciativa, poderían poñer en marcha un programa de formación conxunto.

SAMSUNG CAMERA PICTURES

Así o explicou o alcalde cabanés, José Muíño, quen destacou os bos resultados do obradoiro de emprego desenvolvido cos concellos de Ponteceso e Zas e avogou pola extensión da experiencia ao resto dos concellos da agrupación supramunicipal Costa Bergantiñá. “A idea –dixo Muíño- é que cada concello homologue unha aula para impartir cursos de formación de distintas especialidades”. No caso de Cabana esa aula sería, precisamente, a nave cedida a Íntegro en Anos para impartir o obradoiro. “Seguiríamos compartíndoa con Íntegro, de balde, de xeito que a asociación poida desenvolver un traballo que lle permita subsistir, ao mesmo tempo que os concellos poidamos beneficiarnos dese servizo ademais de poder utilizar tamén a nave”, engadiu o alcalde de Cabana.

De feito, a cesión do taller á Asociación Íntegro durante os últimos seis meses permitiu encher de vida unhas instalacións que non tiñan uso. Ao longo deste tempo, os alumnos e alumnas traballaron na restauración de pezas de madeira, a elaboración de mobles e a reparación de elementos do mobiliario público, principalmente. Miguel Álvarez, un dos monitores, realizou aos participantes no acto de hoxe unha detallada exposición dos distintos labores realizados, con especial fincapé no mantemento do mobiliario público. Papeleiras, xogos infantís, bancos… do municipio de Cabana volven a estar como novos despois de recibir o tratamento axeitado na nave de Anos. Precisamente, o alcalde de Cabana destacou a importancia do curso desenvolvido por Íntegro para este tipo de tarefas, que xa, segundo indicou, “moitas veces os concellos temos problemas para o mantemento do mobiliario en perfectas condicións”.

SAMSUNG CAMERA PICTURES

Pola súa banda, o presidente de Íntegro, Adolfo López Baña, incidiu na importancia do proxecto desenvolvido de cara á autonomía da asociación. “As entidades antes dependían case exclusivamente das subvencións, pero nós queremos demostrar que é preciso prestar un servizo á comunidade e cobrar por iso”, manifestou. Os 9 usuarios e usuarias que participaron no obradoiro de carpintería, que recibiron hoxe os seus diplomas, demostraron a súa capacidade para poder desenvolver este tipo de traballo, e, aínda máis, de “dar resposta á demanda e de facelo con calidade”, destacou López Baña.