post

A Diverescola encheu de inclusión e diversidade as aulas de infantil e primaria do CPI As Revoltas de Cabana

75 nenos e nenas participaron na xornada de sensibilización, incluída no programa Capacíta-T, que promove a asociación Íntegro

Os alumnos/as de infantil e 1º e 2º de educación primaria do CPI As Revoltas de Cabana de Bergantiños convertéronse esta mañá nos/as protagonistas dunha nova edición da Diverescola, unha iniciativa promovida por Íntegro, no marco do programa Capacíta-T, para achegar aos máis cativos/as a diversidade e a inclusión a través dos contos, o xogo e o entretemento.

Durante algo máis de dúas horas, as aulas do centro educativo mudaron o seu aspecto para converter os tradicionais pupitres en improvisados circuítos de obstáculos e os libros en leccións orais de vida e superación. A primeira hora da mañá, a nosa monitora de ocio e tempo de lecer Lucía Blanco e varios  usuarios/as da entidade, chegaron ao centro educativo cargados de historias e divertidísimos xogos infantís para desenvolver unha xornada de sensibilización, na que participaron 75 nenos e nenas que xa agardaban ansiosos/as e o comezo das actividades. 

Aínda que moitos/as aseguraron coñecer a persoas con diversidade funcional na súa contorna, moi poucos sabían do seu día a día. E para descubrilo, nada mellor que poñerse na súa propia pel. Os máis pequenos/as fixérono a través dun contacontos inclusivo con historias nas que os protagonistas suman capacidades a prol da diversidade. E os/as estudantes de primaria  puxeron a proba a súa habilidade e destreza cunha serie de xogos de obstáculos que debían sortear cos ollos tapados ou coa mobilidade reducida. Todos os/as participantes superaron con nota a actividade facendo gala da súa naturalidade e espontaneidade.  

Desde Íntegro queremos agradecer a colaboración de todo o alumnado e profesorado do centro durante o desenvolvemento da xornada e trasladarlles os nosos parabéns por promover con este proxecto unha aprendizaxe en valores e unha aposta pola educación inclusiva dende a infancia.