post

Íntegro celebrará o Día da Diversidade en Carballo cun espectáculo de Mamá Cabra para todos os públicos

Os convites para asistir á actuación, que terá lugar na Biblioteca Rego da Balsa de Carballo,  poden retirarse a partir do mércores 27 na biblio ata completar o aforo

O Día Internacional da Diversidade vense celebrando dende o ano 1992 co obxectivo de promover os dereitos e o benestar das persoas con discapacidades en todos os ámbitos da sociedade e o desenvolvemento, pero tamén de concienciar sobre a súa situación en todos os aspectos da vida política, social, económica e cultural. O 3 de decembro é, polo tanto, unha data para a reivindicación, pero tamén para a visibilización das diversidades e para a celebración. A Asociación Íntegro aposta este ano por unha conmemoración en clave festiva, tratando de achegar á cativada a ese modelo de sociedade inclusiva polo que levamos tantos anos traballando.

O Día da Diversidade celebrarase na Biblioteca Rego da Balsa de Carballo cun espectáculo de Mamá Cabra, protagonizado por Gloria Mosquera e Diego Maceiras ao acordeón. Cos “Contos para un mundo mellor” queremos seguir avanzando na eliminación dos prexuízos sobre as persoas con discapacidade, e por iso convidamos ás familias a participar con nós dunha tarde de música e diversión.

A actuación comezará ás 18.00 horas, e ao remate teremos a oportunidade de compartir con todas as persoas asistentes unha merenda saudable elaborada polos usuarios e as usuarias de Íntegro. Tamén contaremos cun pequeno stand no que poderedes ver algún dos traballos que facemos no noso centro ocupacional. E, sobre todo, teremos a ocasión de cantar e bailar con dous dos artistas máis queridos polo público infantil.

A asistencia ao espectáculo é de balde, pero por cuestións de aforo é preciso recoller convite na propia Biblioteca Rego da Balsa. As familias interesadas poderán achegarse a partir de mañá mércores, 27 de novembro, e ata fin de existencias.

post

Íntegro lanza a súa propia consigna no Día da Diversidade para avanzar na eliminación de prexuízos do mesmo xeito que na supresión de barreiras físicas

“Avanzouse moito na eliminación de barreiras físicas, pero non se avanzou na eliminación de prexuízos sobre as persoas con discapacidade”. Con esta frase resumiu o presidente de Íntegro, Adolfo López Baña, a mensaxe que a asociación quixo trasladar á sociedade no Día da Diversidade. Neste 3 de decembro Íntegro elixiu o Fórum Carballo como lugar de celebración e como punto de encontro para presentar en sociedade o primeiro calendario da historia da entidade.

Pero o almanaque é moito máis ca iso:

mesa-2En primeiro lugar, porque está protagonizado por usuarios e usuarias de Íntegro e por persoeiros dos mundos da canción, a universidade, a literatura, o xornalismo, a restauración, o deporte… e moitos outros ámbitos que, dunha maneira desinteresada, brindáronse para compartir unha fotografía e unha xornada cos nosos usuarios e usuarias. Para eles foi o primeiro agradecemento, por prestar a súa imaxe “para axudar a visibilizar a outras persoas ás que a día de hoxe aínda nos sigue costando ser visibles en moitos eidos da vida”, sinalou Adolfo López. O presidente de Íntegro tampouco se esqueceu dos fotógrafos e fotógrafas, 11 en total, que tamén dun xeito altruísta, nos agasallaron co seu tempo e o seu traballo e que conseguiron “visionar tan ben o obxectivo deste calendario, que é a inclusión das persoas que funcionan de forma diferente, e que hoxe en día xa non se agochan nas súas casas, senón que estamos dicindo ao mundo: cambia a mirada”.

En segundo lugar, porque coa venda do calendario, que custa só 5 euros, será posible contribuír ao financiamento do servizo de ximnasia terapéutica que ofrece Íntegro no seu centro de Nantón (Cabana de Bergantiños), e que resulta imprescindible para que as persoas con diversidade funcional gocen dunha vida saudable e de calidade.

E, en terceiro lugar, porque grazas ao traballo de moitas persoas e empresas, como a carballesa donCLIC, que se encargou do deseño e a maquetación, ou a tamén carballesa Comunicar, que se ocupou da produción e xestión, a Asociación Íntegro dá un paso máis cara o seu obxectivo de cambiar a mirada da sociedade cara as persoas con diversidade funcional. Hoxe, e grazas a este proxecto, o obxectivo é un pouco máis compartido.

presentacion-1O acto de hoxe encheu o auditorio do Fórum Carballo, ata o que se achegaron tamén a concelleira de Igualdade e Benestar, Maica Ures, que destacou a calidade dos traballos que desenvolven os usuarios e usuarias de Íntegro, e o alcalde, Evencio Ferrero, que reforzou o chamamento da asociación neste Día da Diversidade: “A única diversidade que eu non comparto é a das persoas que non entenden que a diversidade enriquece a sociedade”, manifestou. O acto rematou coa entrega de agasallos de agradecemento e un animado café.

xabon-personalizado

O alcalde de Carballo e a concelleira de Igualdade e Benestar foron agasallados cuns orixinais xabóns de glicerina nos que aparecía gravado o logotipo do concello

Puntos de venta do calendario:

Marcos Monterroso (Lugo), donCLIC (Carballo), Modas Suárez (Carballo), Cafetería Valle-Inclán (Carballo), Fisioterapia Eva Senande (Canduas- Cabana), Floristería Amamber (Cabana), Cavident (Ponte do Porto), Centro de Estética Mónica Coscoñas (Vimianzo), Parafarmacia Horizonte (Baio), Fisioterapia Vértebra (Baio), Lencería Marta (Baio), Papelería A Pesqueira (Ponteceso), Panadería Forno Novo (Malpica), e Restaurante A Mundiña (A Coruña).

persoeiros

Entre os asisetntes estaban algúns dos rostros máis famosos que participaron no calendario benéfico de Íntegro

 

Dende Íntegro queremos dar as grazas a todos/as os participantes pola súa colaboración, amabilidade e xenerosidade, prestando a súa imaxe e/ou traballo en favor dunha causa que, nesta ocasión, reza baixo o lema #porunanoconmenosbarreiras, especialmente,  para as persoas con diversidade funcional.