Onte varios membros da entidade celebraron de maneira simultánea dúas charlas informativas ante un total de 50 alumnos/as
Esta semana a asociación Íntegro retomou, e por partida dobre, a campaña de prevención de lesións medulares nos centros educativos viaxando ata dous institutos da Costa da Morte. O alumnado do IES Maximino Romero de Lema (Baio-Zas) e do IES Lamas de Castelo (Carnota) foron os protagonistas dunha nova xornada de sensibilización para informar e concienciar sobre as causas e consecuencias de sufrir un accidente medular e a importancia da súa prevención.
Por unha banda, na xornada de onte, o presidente de Íntegro Adolfo López Baña desprazouse ata o Ies de Carnota para manter unha charla informativa cun grupo de 30 estudantes de 3º e 4º da ESO. A actividade comezou coa proxección do vídeo “A ti tamén che pode pasar”, editado pola entidade para amosar a realidade dunha doenza que cada vez afecta a máis persoas. A continuación, celebrouse un coloquio para incidir na necesidade de evitar riscos innecesarios en praias, piscinas e estradas, principais causantes da meirande parte dos sinistros entre os adolescentes.
Pola súa banda, Teresa Alvarellos-socia e colaboradora do programa- fixo o propio pero, no seu caso, ante 18 alumnos/as de 3º de secundaria do Ies de Baio. Ademais, a través da súa testemuña achegoulles o día a día dun doente medular, facendo especial fincapé nas barreiras físicas e psicolóxicas que xuntos debemos derrubar. Un exemplo de forza e superación que deixou impresionados/as tanto aos estudantes como aos seus mestres.
Esta iniciativa, que se desenvolve con gran éxito nos centros de secundaria e primaria da Costa da Morte, está co-financiada pola Xunta de Galicia e a Deputación de A Coruña ademais de contar coa colaboración de numerosos concellos da Costa da Morte e varias empresas de carácter privado.