Ao xantar, que dará comezo ás 14:30h, poden asistir todas as persoas que o desexen previa reserva de praza
A asociación Íntegro celebrará o vindeiro sábado, 4 de marzo, dúas asembleas xerais-unha ordinaria e outra extraordinaria- ás que están convocados/as todos os socios e socias da entidade. Ditas xuntanzas, aprobadas pola xunta directiva o pasado 11 de febreiro, terán lugar no Centro de Recursos de Nantón (Cabana de Bergantiños) a partir das 11h.
A xornada dará comezo coa asemblea ordinaria, prevista para as 11h en primeira convocatoria e 11:30h en segunda. A relación de asuntos a tratar desenvolverase de acordo á seguinte orde do día:
- Lectura e aprobación, se procede, da acta anterior.
- Actividades levadas a cabo no ano 2016.
- Estado contable do ano 2016 e a súa aprobación, se procede.
- Actividades e orzamentos para o ano 2017, e a súa aprobación, se procede.
- Rogos e preguntas.
A continuación, procederase á celebración da asemblea xeral extraordinaria na que se inclúen os seguintes asuntos na orde do día:
- Lectura e aprobación, se procede, da acta anterior.
- Modificación dos estatutos.
- Baixa e alta dun vogal da Xunta Directiva.
- Rogos e preguntas.
Segundo establecen os estatutos vixentes, as persoas que desexen participar nas reunións exercendo o seu dereito de voz e voto deberán estar ao corrente no pago da cota anual correspondente ao exercicio 2017, que se pasará ao cobro o vindeiro día 27. En caso de non ter o pago domiciliado deberán formalizar o ingreso, á maior brevidade posible, no propio centro ou ben nas seguintes contas bancarias, facendo constar o nome do socio/a + cota anual 2017.
ABANCA IBAN ES03 2080 0075 0330 4000 2407
LA CAIXA IBAN ES42 2100 5710 8802 0001 3166
Xantar
Unha vez rematadas as asembleas, e como xa ven sendo habitual por estas datas, procederase á degustación dun cocido nas instalacións do centro ao que poderán asistir todas as persoas que o desexen. O prezo do xantar será de 10€ para os/as socios/as e de 15€ para o resto de comensais. Debido a que se trata dun espazo reducido o aforo será limitado, polo que se recomenda aos interesados/as que realicen as súas inscricións o antes posible chamando ao 981 734 985, de luns a venres en horario de 9 a 17h, ou desprazándose ata as nosas oficinas situadas en A Pedra, nº 30 – Nantón (Cabana de Bergantiños).
Ademais de gozar dun saboroso e abundante menú, ao que non lle faltarán ningún dos ingredientes típicos destas datas de Entroido, tamén haberá música, baile e moita troula coa celebración, a partir das 14h, dunha sesión vermú que encherá de ritmo unha xornada que promete ser divertida e moi entretida en compañía de familiares e amigos/as. Ao longo da tarde haberá moitas máis actividades e algunha que outra sorpresa. Non podes faltar!