post

Íntegro recibe a visita da delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo

A asociación Íntegro recibiu esta semana nas súas instalacións de Nantón (Cabana de Bergantiños) a visita da delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, acompañada polo alcalde do municipio, José Muíño, e polo director territorial da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, Juan José Couce. A visita enmárcase dentro das accións de seguimento e apoio aos proxectos sociais que desenvolven entidades da comarca da Costa da Morte.

Durante o encontro, os representantes institucionais puideron coñecer de primeira man o labor que desde 1992 desenvolve Íntegro a prol da inclusión social e laboral das persoas con diversidade funcional. A entidade conta cun centro de día ocupacional e cun centro especial de emprego, desde os que promove programas de capacitación, formación, inserción laboral e mellora da calidade de vida para as persoas usuarias.

A delegada da Xunta puxo en valor o traballo desenvolvido pola entidade, destacando a súa “traxectoria exemplar e pioneira en programas que promoven a inclusión, a autonomía persoal e a igualdade de oportunidades”. Así mesmo, anunciou que a Xunta manterá o seu compromiso de apoio a través de diferentes vías de financiamento, cun investimento global próximo aos 500.000 euros no ano 2025.

Entre as liñas de colaboración previstas figuran axudas da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración para a contratación de persoas mozas e o mantemento de postos de traballo nos centros especiais de emprego. Ademais, Íntegro é beneficiaria do programa Iniciativa Xove da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, así como de varias subvencións para actividades de voluntariado e programas interxeracionais en contornas rurais, como o proxecto Talento Interxeracional, financiado pola Unión Europea.

No ámbito dos servizos sociais, a Consellería de Política Social e Igualdade colabora mediante o financiamento de 30 prazas concertadas no centro de día e centro ocupacional a través do IRPF autonómico, cunha achega superior aos 400.000 euros. A isto súmase a labor do Punto de Intervención para Mulleres con Diversidade Funcional, un servizo especializado de atención no rural a mulleres en situación de especial vulnerabilidade. Neste sentido, o presidente da entidade, Adolfo López Baña, agradeceu a colaboración e o compromiso mantido e continuado da administración pública a través da posta en marcha de proxectos innovadores, que permiten ampliar servizos e, sobre todo, ofrecer oportunidades reais ás persoas que máis o necesitan.

A visita institucional rematou cun percorrido polas instalacións e un encontro co equipo técnico da entidade, no que se compartiron experiencias e proxectos de futuro. Desde Íntegro valoramos moi positivamente este encontro, que reafirma o apoio das administracións ao noso traballo e dá visibilidade ao esforzo colectivo para a construción dunha sociedade máis xusta e inclusiva.