Máis Porvir, a empresa de economía social participada ao 100 % pola Asociación Íntegro, traballa en colaboración co Concello de Ponteceso e a Deputación Provincial da Coruña para mellorar a empregabilidade das persoas en risco de exclusión social. Con ese obxectivo arrancou hoxe unha acción formativa centrada na xardinería e o mantemento de mobiliario urbano, dúas áreas con posibilidades de inserción laboral. Ese, de feito, é o obxectivo do curso e da actividade de Máis Porvir, tal como explicou o seu administrador, Adolfo López Baña, na presentación da actividade.
Nestes momentos, Máis Porvir, ten un equipo integrado por sete traballadores/as, que centran a súa actividade nas áreas social e de servizos. “Grazas a estas iniciativas e á colaboración dos concellos conseguiremos que se xere emprego, e polo tanto riqueza, na zona”, destacou López Baña.
O curso iniciado hoxe abrangue formación teórica e práctica. Esta última desenvolverase, fundamentalmente, na zona da Praza do Recheo e do Paseo do Anllóns, o que permitirá recuperar as zonas axardinadas e o mobiliario urbano que sofre moitas veces os efectos do vandalismo.
Pero a finalidade última é a formación das persoas participantes para mellorar a súa empregabilidade. O alcalde de Ponteceso, Lois García Carballido, e a concelleira de Servizos Sociais, Isabel Vuelta, animáronos a aproveitar o curso, porque incluirá formación en diversas materias, como seguridade laboral ou deseño de xardíns, e, en xeral, “materias que sexan útiles para o día que vaiades traballar para unha empresa”, destacou o rexedor. García Carballido comprometeu a súa implicación para acadar o obxectivo da inserción laboral.