post

Manifesto Día Internacional e Europeo das Persoas con Discapacidade

Pola culminación da primeira reforma social da Constitución Española

Con motivo do Día Internacional e Europeo das Persoas con Discapacidade, que cada ano se celebra o día 3 de decembro, no correspondente ao ano 2021, o movemento social da discapacidade agrupado de xeito unitario en torno ao CERMI fai público o seguinte

M A N I F E S T O

Nas sociedades democráticas, a Constitución é a máxima e superior expresión do ordenamento xurídico; a que establece os dereitos e deberes da cidadanía; a que ordena a convivencia social conforme ós principios e valores da liberdade, a igualdade e o pluralismo; a que define e asegura as formas democráticas de goberno e a que regula o funcionamento dos poderes públicos, que deben estar ó servizo da comunidade, promovendo o ben común. As persoas con discapacidade, como parte valiosa da familia humana e das comunidades sociais e políticas nas que esta se organiza, deben ter reflexo nas Constitucións dende un enfoque esixente de dereitos humanos, que
garanta a súa inclusión, participación e benestar, sen discriminacións ni relegacións de ningún tipo.

A Constitución Española de 1978, vixente na actualidade, incorporou expresamente ás persoas con discapacidade ao seu texto, dedicándolles o artigo 49, o que representou un gran avance por canto este grupo social, tantas veces omitido e desconsiderado ó longo da historia, gozaba de visibilidade, sendo relevante aos efectos da promoción e a protección constitucionais dos seus dereitos.

A pesar de ese logro -poucas Constitucións no mundo nese momento tiñan presente as persoas con discapacidade-, tras mais de corenta anos dende a aprobación da Constitución Española, o seu artigo 49 precisa unha renovación, porque nin a terminoloxía empregada nin o contido están alienados ca visión plena de dereitos humanos, que é o único abordaxe admisible na relación ca discapacidade. A Constitución de 1978 mellórase a si mesma, afonda e estende os seus principios, valores e mandatos se actualiza a súa mirada
sobre as persoas con discapacidade.

Reforma do art.49

Consciente desta necesidade de cambio, o movemento social da discapacidade leva anos propoñendo a reforma do artigo 49 da Constitución Española, pasando a ser a primeira de contido nitidamente social do Texto Legal máximo nas máis de catro décadas de vixencia. E isto, sempre co maior dos consensos políticos e sociais, pois os dereitos das persoas con discapacidade son un elemento do acervo compartido das sociedades democráticas avanzadas, que serven para superar as disputas e as fracturas
tan estendidas hoxe na vida política.

Tras anos de esforzo do sector social da discapacidade, auténtico promotor deste proceso de modificación constitucional, na primavera deste ano 2021 chegaba por fin as Cortes Xerais, remitido polo Goberno de España, un proxecto de reforma do artigo 49 da Constitución Española, que agarda ser debatido e tramitado, se reúne as maiorías reforzadas precisas cando se trata de cambios no texto constitucional, para resultar aprobado e entrar finalmente en vigor.

A reforma proposta, produto de debates parlamentarios, sociais e académicos previos, que acadaron un elevado grado de coincidencia, desterra expresións ferintes e insostibles por mais tempo para referirse as persoas con discapacidade (“diminuídos”) e dota dun novo contido o artigo con arranxo aos conceptos, valores e propósitos que hoxe configuran un entendemento e práctica apropiados dos dereitos e deberes das persoas con discapacidade, incluídas as mulleres e nenas, a quen nomean expresamente. O clamor cidadán que alentou esta reforma -que en si e por si mesma é unha mellora do país, que eleva a calidade de texto constitucional e o seu nivel de esixencia ética, política e xurídica, ao comprometerse máis intensamente cos dereitos, a inclusión e o benestar con esa parte da diversidade social que son
as persoas con discapacidade- debe verse necesariamente acompañado por tódalas forzas políticas con representación parlamentaria, mediante a expresión dun apoio firme e claro.

Ante este fito social, que despois de moitos avatares e dilacións hoxe é mais real e próximo ca nunca, dende o movemento CERMI, no Día Internacional e Europeo das Persoas con Discapacidade, reclamamos a todos os partidos políticos, e en especial a aqueles que mostraron reticencias, que se sumen, co seu respaldo, intervindo no Parlamento para perfeccionar o texto de partida, á primeira reforma social da Constitución Española, que vén da man das persoas con discapacidade e das súas familias, e que non pretende senón facer do noso país un proxecto máis suxestivo e decente de vida en común.

3 de decembro de 2021