- O Punto de Intervención para Mulleres con Diversidade do Rural, promovido por Íntegro e co-financiado polo Fondo Social Europeo (FSE) ao abeiro do programa operativo FSE Galicia 2014-2020, prestou atención a 62 mulleres desde o pasado mes de outubro
- Ademais de accións formativas presenciais, ofrecéronse servizos de asesoramento, orientación laboral, acompañamento e atención psicolóxica a colectivos en risco de exclusión social
O Punto de Intervención para Mulleres con Diversidade Funcional do Rural (PIMD Rural) clausura neste mes de agosto a edición correspondente ao período 2021/2022 cun balance máis que positivo e un notable incremento de usuarias con respecto ao últimos anos. Dende o pasado 1 de outubro, foron atendidas 62 mulleres, a maioría delas con disCapacidade e residentes en concellos rurais da Costa da Morte con baixa densidade de poboación, neste servizo promovido pola asociación Íntegro e co-financiado pola Secretaría Xeral de Igualdade de Xunta de Galicia e o Fondo Social Europeo (FSE), ao abeiro do programa operativo FSE Galicia 2014-2020, para fomentar a igualdade de oportunidades e contribuír a diminuír a tripla discriminación á que se ven sometidas moitas das beneficiarias do programa.
Ao longo deste exercicio, realizáronse numerosas actuacións encamiñadas á orientación e información sobre recursos singularizados, de atención e asesoramento persoal e social, así como de apoio directo nas relacións con outras entidades, organismos e servizos para facilitar ás persoas usuarias a súa integración social. De feito, un dos máis demandados nos últimos meses foi o acompañamento a centros sanitarios e outras administracións públicas ou en entidades bancarias para a realización de trámites básicos. A orientación laboral e o seguimento na busca de emprego foi, xunto coa realización de actividades para a mellora da empregabilidade, unha das prestacións máis requiridas polas usuarias, que tamén precisaron do noso servizo de atención psicolóxica e mediación familiar e/ou intercultural para a resolución de conflitos no ámbito doméstico.
Programa formativo
Por outra banda, a posta en marcha de novas accións formativas contribuíu notablemente a promover a igualdade de oportunidades e diminuír a discriminación á que habitualmente están sometidas as mulleres con disCapacidade e/ou en situación de especial vulnerabilidade. Neste último ano, levamos a cabo con gran éxito varios talleres sobre habilidades pre-laborais, habilidades sociais e domésticas, resolución de conflitos, auto-coidados, manexo do teléfono móbil e busca activa de emprego.
Se es muller con ou sen discapacidade, resides no rural e queres recibir formación ou precisas apoio e/ou asesoramento, non dubides en poñerte en contacto con Íntegro chamando ao 981 734 985 ou enviando un mail a info@integro.es.