Esta semana as portas da Asociación Íntegro abríronse para recibir unha visita moi especial e chea de proxectos. O presidente de COGAMI, Anxo Queiruga Vila, e Manuel Laureano Caamaño, responsable da área de Fortalecemento do Movemento Asociativo (FMA) da entidade, desprazáronse ata as nosas instalacións de Nantón para coñecer de primeira man o funcionamento do noso centro de recursos así como as súas principais necesidades, actuais e futuras. Esta xuntanza, na que estiveron presentes o presidente de Íntegro, Adolfo López Baña, xunto co vicepresidente, Ramón Pombo, e a práctica totalidade dos membros da directiva e traballadores, desenvolveuse nun ambiente distendido e moi familiar dada a estreita relación que une a ambas agrupacións.
Durante a reunión, o máximo responsable de COGAMI fixo especial fincapé “na importancia de dar visibilidade a todas as persoas con diversidade funcional que non acoden aos centros especializados ou que, simplemente, non teñen a valoración de dependencia requirida”, matizou. Deste xeito, preténdense abrir novas liñas de actuación con accións encamiñadas a atender a persoas con discapacidade que non atopan nun centro de día ou ocupacional unha axeitada adecuación ás súas características ou necesidades específicas.
Por outra banda, os responsables de Integro aproveitaron a ocasión para dar a coñecer a súa “aposta pola visibilidade” con campañas de concienciación e divulgación, intensificadas nos últimos meses con programas educativos de prevención, charlas e xornadas destinadas a pór en valor na sociedade conceptos tan básicos e fundamentais como a diversidade, a igualdade ou a inclusión cunha mención especial ao proxecto Capacita-T, que tan boa acollida está a ter nos municipios da contorna. Non faltaron ademais alusións aos novos proxectos así como o programa de actividades previsto para o 2016.
Esta primeira toma de contacto forma parte dunha rolda de visitas que, durante o presente ano, Anxo Queiruga acompañado polo responsable do FMA, vai realizar polos diferentes centros de recursos das asociacións pertencentes a COGAMI. Dende a Asociación Íntegro agradecemos a súa presenza en Nantón e agardamos con ilusión a posta en marcha de novas liñas de traballo conxuntas en favor dunha maior visibilidade social para os colectivos de persoas con diversidade funcional.