O acceso e a mellora do emprego das persoas con diversidade funcional son fundamentais para lograr a súa inclusión na sociedade. A formación laboral e a realización de actividades ocupacionais son claves para facilitar a igualdade de oportunidades e acadar así unha integración real e efectiva no mercado de traballo.En Íntegro sabémolo e dende a nosa asociación tamén poñemos en marcha accións que proporcionen aos nosos usuarios e usuarias as ferramentas necesarias para acadar estes obxectivos. Os obradoiros levados a cabo polo centro ocupacional son un claro exemplo dilo.
Unha das últimas accións formativas desenvoltas polo centro está a ser o obradoiro de carpintería, iniciado o pasado mes de setembro dentro do programa Infoase. Trátase dun proxecto de cooperación subvencionado pola Xunta de Galicia para a información e asesoramento en recursos das persoas con diversidade no medio rural e co-financiado polo Fondo Social Europeo.
Nesta actividade participan 9 persoas, 6 pertencentes ao centro ocupacional e 3 soci@s da entidade con diversidade funcional. As clases desenvólvense nun taller de carpintería cedido polo Concello de Cabana de Bergantiños e situado na parroquia de Anos. Ademais, o consistorio tamén contribúe coa prestación do material e da maquinaria necesarios para a realización das prácticas, colaboración que dende Íntegro agradecemos así como o seu compromiso e implicación permanente en favor da inclusión e a diversidade na comarca.
Durante as sesións, os alumn@s realizan traballos de todo tipo que abranguen dende a restauración de pezas de madeira, a elaboración de pequenos mobles e a reparación ou acondicionamento de elementos do mobiliario público. Para elo, contan co asesoramento e supervisión dun equipo docente integrado por profesionais do sector que posibilitan o desempeño dunha actividade real e produtiva de calidade.
Tras cinco meses de aprendizaxe os progresos son moi notables e a valoración da actividade está a ser moi positiva. O traballo e o esforzo realizado pol@s alumn@s comeza a dar os seus froitos que xa se traducen nunha maior habilidade e destreza manual dos usuari@s ademais de mellorar a súa capacidade de concentración na realización de tarefas tan delicadas e precisas. O obradoiro rematará o vindeiro 30 de marzo polo que aínda lles queda tempo dabondo para perfeccionar a técnica e seguir poñendo en práctica todo o aprendido. Gañas e vontade non lles faltan!
Agora só precisan que o mercado laboral lles dea unha oportunidade!