post

Íntegro volve ás aulas cunha nova edición da Diverescola

Tras case dous anos de inactividade pola pandemia

O CEIP Plurilingüe San Vicenzo de Vimianzo será o primeiro destino desta iniciativa, incluída no programa Capacíta-T, para a achegar ao alumnado de infantil e primaria da Costa da Morte a diversidade e a inclusión a través do xogo e o entretemento

Tras un período de inactividade de case dous anos debido á COVID-19, a asociación Íntegro porá en marcha a vindeira semana unha nova edición da Diverescola, unha iniciativa promovida pola entidade de Nantón, no marco do programa Capacíta-T, para achegar aos máis cativos e cativas da Costa da Morte a diversidade e a inclusión a través do xogo e o entretemento. A primeira saída da nova campaña terá como destino o CEIP Plurilingüe San Vicenzo, de Vimianzo.

O martes 25 terá lugar a primeira xornada de sensibilización, na que participarán un total de 69 nenos e nenas de 4 a 6 anos. Desde primeira hora da mañá, desenvolveranse diferentes actividades lúdicas arredor dun “contaconto guiado”. Ademais da lectura e e posterior interacción sobre o conto, abordarase a temática a través da técnica do “muralismo” para intercambiar ideas e afianzar conceptos relacionados coa inclusión e a diversidade.

O mércores 26 será a quenda do alumnado de 1º e 2º de educación primaria. Neste caso, os pupitres darán paso aos circuítos de obstáculos para acoller unha actividade denominada “xogamos coas barreiras”. Trátase de realizar un circuíto de mobilidade en cadeira de rodas por determinados espazos do colexio e un percorrido estacional sensorial, que lles axudará a sensibilizarse e empatizar coas dificultades. Así, a través do xogo, poderemos reflexionar sobre as barreiras físicas, sociais e mentais que existen na sociedade e como podemos superalas.

Educación en valores

Diverescola é unha acción de sensibilización desenvolvida por Íntegro, no marco do programa de capacitación da sociedade Capacíta-T, encamiñada a educar en valores ao alumnado de infantil e primaria dos centros educativos da Costa da Morte, co obxectivo de formar, xunto ao profesorado, persoas comprometidas coa diversidade funcional, romper as barreiras mentais e propiciar a normalidade e a inclusión real. A través do xogo e o entretemento, os máis cativos/as terán a oportunidade de reflexionar e flexibilizar sobre crenzas erróneas, xa consolidadas, en torno ás persoas que son diferentes e/ou teñen diferentes capacidades, ata darse conta das súas potencialidades, aprender a respectalas e descubrir que a riqueza e a importancia da diversidade. Deste xeito, promoveremos actitudes positivas no alumnado para combater a discriminación e a desigualdade.

post

Visítanos! acolleu unha nova xornada sobre diversidade con alumnos/as do CEIP San Vicenzo de Vimianzo

Esta mañá un grupo de 54 escolares do CEIP San Vicenzo de Vimianzo participaron nunha nova edición de Visítanos!, tras a visita o ano pasado de varios colexios de Camariñas e Ponte do Porto. Trátase dunha actividade educativa incluída no programa Capacíta-T coa que a Asociación Íntegro pretende concienciar, educar e capacitar en materia de diversidade funcional aos máis pequenos.

A xornada deu comezo ás 10:30h cunha breve presentación da entidade para amosar os obxectivos e valores cos que traballa en favor das persoas con diversidade funcional.  Dende o primeiro momento,  os alumnos e alumnas de 5º e 6º de primaria amosáronse moi participativos e interesados/as en coñecer o noso día a día e achegarse á inclusión partindo das súas propias ideas, moitas delas preconcibidas e ditadas por unha sociedade desigual. Tamén se proxectou un vídeo resumo das actividades levadas a cabo ao longo do 2015.

Durante algo máis de dúas horas realizamos un percorrido polas instalacións para coñecer de preto o funcionamento do centro e o traballo que realizan os nosos usuarios/as nos obradoiros ocupacionais.

horta

O xardín terapéutico foi todo un éxito entre os escolares

A visita ao invernadoiro foi unha das máis agardadas polos rapaces/as. Tras escoitar as explicacións da nosa enxeñeira agrónoma puideron poñer en práctica moitos dos coñecementos aprendidos.

No xardín terapéutico traballaron con plantas aromáticas, transplantándoas e realizando diversos traballos de composición. O taller de artes manuais foi outra parada obrigada. Alí tiveron a oportunidade de coñecer algunhas das técnicas empregadas polos nosos usuarios/as para confeccionar os produtos de artesanía que realizan e que máis dun escolar tamén se animou a elaborar.

barreiras

O mal tempo obrigou a realizar o circuíto de mobilidade no interior das instalacións

Pero, sen dúbida, o momento máis divertido chegou ao final coa realización dun circuíto de mobilidade e desprazamento en cadeira de rodas por equipos co finalidade de achegar aos máis pequenos á realidade da diversidade, xogando coas barreiras ás que cada día deben facer fronte moitas persoas con diversidade funcional. Unha proba moi entretida e novidosa na que tiveron que poñer en práctica o seu enxeño e habilidade para sortear todo tipo de obstáculos. Unha excelente maneira de comprobar, na súa propia pel, que a diversidade é cuestión de capacidades, non de discapacidades.

Grazas a todos/as polo vosa participación e interese. Parabéns tamén aos nosos usuarios e usuarias polo excelente traballo realizado e como anfitrións/as dunha xornada diferente, diversa e moi inclusiva. Pasámolo xenial!

manualidades

Os alumnos/as deseñaron as súas propias pulseiras no taller de manualidades

En Íntegro xa estamos a pensar na 3ª edición de Visítanos! Será o vindeiro 11 de maio coa visita dun grupo de alumnos e alumnas do colexio de Laxe. Agardámosvos, coma sempre, coas portas abertas!

post

Un grupo de escolares de Vimianzo protagonizará mañá unha nova edición de Visítanos!

Esta semana o programa Capacíta-T volve a ser noticia en Íntegro grazas á realización dunha nova edición de Visítanos!, unha actividade educativa dirixida aos máis pequenos coa intención de concienciar, educar e capacitar en materia de diversidade funcional e que xa contou o ano pasado cunha primeira edición na que participaron colexios de Camariñas e Ponte do Porto. Nesta ocasión, os nosos convidados serán 54 alumnos e alumnas de 5º e 6º de primaria do CEIP San Vicenzo, de Vimianzo, que mañá visitarán o centro de Nantón para coñecer en primeira persoa as nosas instalacións e algunhas das actividades diarias que realizamos.

A visita, que está prevista para as 10:30 h, dará comezo cunha breve presentación da nosa entidade para dar a coñecer os obxectivos e os valores que nos caracterizan. Dende o primeiro momento, tentaremos promover a súa participación, de xeito activo e dinámico, para que poidan achegarse á inclusión partindo das súas propias ideas. Finalmente, proxectarase un vídeo sobre as principais actividades que leva a cabo a asociación.

Obradoiros

IMG_20151130_130325

A visita ao invernadoiro é unha das actividades que xera maior expectación entre os escolares

A continuación, daremos paso ao momento máis agardado por todos/as: os obradoiros e os xogos diversos. Divididos en tres grupos visitarán, acompañados polos nosos usuarios/as, os diferentes obradoiros do centro ocupacional. No invernadoiro e no xardín terapéutico poderán traballar con plantas aromáticas, transplantándoas e realizando diversos traballos de composición. O taller de artes manuais será outro dos lugares a visitar, con parada incluída, para realizar algúns obxectos de artesanía seguindo as diferentes técnicas que diariamente empregan os alumnos/as do centro, que mañá converteranse en auténticos/as anfitrións/as.

IMG_5402

O circuíto de mobilidade pon a proba as habilidades dos participantes para sortear todo tipo de obstáculos

E para o final, o mellor! Achegarémonos á realidade da diversidade xogando coas barreiras ás que cada día deben facer fronte moitas persoas con diversidade funcional. Esta actividade consiste na realización dun circuíto de mobilidade e desprazamento en cadeira de rodas por equipos. Unha proba, sen dúbida, moi entretida e novidosa na que deberán poñer en práctica o seu enxeño e habilidade para sortear todo tipo de obstáculos. Unha boa maneira de comprobar que a diversidade é cuestión de capacidades, non de discapacidades.

IMG_20151130_122750

IMG_5406