post

Unha terapeuta ocupacional e unha logopeda amplían o cadro de persoal de Íntegro

Con estas novas incorporacións xa son cinco os/as profesionais contratados a través de programas de cooperación coa Xunta de Galicia

Para a asociación Íntegro o 2017 comeza cheo de novos retos e moitos soños por cumprir pero tamén de novas caras que nos acompañarán ao longo do presente ano. Grazas a un programa de cooperación entre a Xunta de Galicia e as entidades sociais sen ánimo de lucro, subvencionado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria e cofinanciado polo Servizo Público de Emprego, o noso centro de Nantón acaba de incrementar o seu cadro de persoal coa contratación de dúas novas traballadoras (1 terapeuta ocupacional e 1 logopeda) para mellorar a atención individualizada aos nosos usuarios e usuarias e incrementar a oferta formativa e pre-laboral para a súa plena inserción no mercado de traballo.

_MG_3383

Sen dúbida, o máis novidoso é a incorporación ao centro dunha logopeda que, dende o pasado luns, xa está ao fronte dun novo servizo que repercutirá positivamente sobre a calidade de vida dos nosos usuarios/as e as súas familias. Esta profesional, especializada en audición e linguaxe, desempeñará ao longo dos vindeiros 12 meses as seguintes funcións: 

  • Detección, identificación e avaliación de posibles alteracións de comunicación, linguaxe, fala, voz e deglutición.
  • Intervencións adaptadas ás necesidades de cada usuario/a individualmente.
  • Realizar actividades grupais.
  • Participación na elaboración dos Plans Individuais de Atención Social (PIAS).
  • Asesoramento familiar sobre os exercicios realizados para mellorar a súa xeneralización.
  • Axudar aos usuarios/as para que sexan o máis autónomos posibles.

_MG_3368

Pola súa banda, a terapeuta ocupacional é, dende o pasado día 9, a encargada de levar a cabo os obradoiros do Centro de Día e do Centro Ocupacional nos que se desenvolverán diferentes programas formativos para fomentar tanto as habilidades sociais e persoais dos usuarios/as como as ocupacionais e pre-laborais. Neste senso, desenvolveranse novos talleres especializados en formación, orientación e inserción laboral así como en auto-coidado, tarefas do fogar ou aprendizaxe individual. Tamén será a responsable de coordinar a escola de adultos.  Neste caso, a duración da subvención será de 9 meses.

Íntegro medra

Con estas dúas incorporacións xa son 5 os/as profesionais que nos últimos meses pasaron a formar parte da nosa entidade, logo da contratación a finais de 2016 dun xardineiro, unha técnica audiovisual e unha monitora de ocio e tempo libre. A familia Íntegro medra e con ela tamén o fan os nosos proxectos, os nosos servizos e as nosas ilusións. Por iso, queremos agradecer o apoio e a implicación das institucións poñendo ao noso alcance os recursos e as ferramentas axeitadas para proporcionar ás persoas con diversidade funcional e aos seus familiares todos os servizos necesarios para o desenvolvemento dunha vida plena, digna, autónoma e independente.

_MG_3364

Este ano propuxémonos seguir avanzando na construción dunha sociedade máis inclusiva e igualitaria para todos e todas e ímolo conseguir. Baixo o lema #porunanoconmenosbarreiras continuaremos traballando para erradicar todo tipo de obstáculos, físicos e mentais, porque como dicimos en Íntegro “os límites están onde ti os poñas” e nós este ano non queremos poñer ningún! E ti, onde pos os teus?