post

Íntegro ampliará o seu Centro de Recursos con tres novas aulas de atención específica

A primeira fase das obras, que tamén inclúe a creación de novos vestiarios para o persoal, está previsto que comece no último trimestre de 2026 e forma parte dun proxecto de ampliación que se completará en 2027

Íntegro dará un novo paso na mellora das súas instalacións coa ampliación do Centro de Recursos, un proxecto que permitirá dispoñer de máis espazos para a atención ás persoas usuarias e mellorar as condicións de traballo do equipo profesional.

A primeira fase das obras, cuxo inicio está previsto para o último trimestre de 2026, contempla a construción de tres novas aulas de atención específica, destinadas ao traballo individualizado e en pequenos grupos coas persoas usuarias do centro de día e ocupacional. A intervención inclúe tamén a creación de vestiarios masculinos e femininos para os profesionais da entidade.

A ampliación permitirá contar con espazos máis axeitados para desenvolver diferentes intervencións e actividades, facilitando unha atención máis personalizada e adaptada ás necesidades de cada persoa. Ao mesmo tempo, contribuirá a mellorar o confort e as condicións nas que o equipo profesional desenvolve o seu labor diario.

O proxecto está financiado pola Consellería de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia, no marco da convocatoria de subvencións IRPF 2025 destinadas á realización de programas de interese xeral para fins de carácter social, con cargo á asignación tributaria do 0,7 % do Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas e do Imposto de Sociedades.

Esta actuación constitúe a primeira de dúas fases previstas para a ampliación do Centro de Recursos. O conxunto do proxecto está previsto que se complete ao longo de 2027, coa finalidade de dotar a entidade de unhas instalacións máis amplas, funcionais e preparadas para dar resposta ás necesidades das persoas con diversidade funcional.

Máis espazo para atender mellor, máis comodidade para traballar e novas posibilidades para seguir avanzando na atención e no apoio ás persoas usuarias.

post

O PIMD RURAL pecha unha nova edición acompañando a 51 mulleres da Costa da Morte

O programa consolidouse un ano máis como un recurso de referencia para mulleres do medio rural, ofrecendo atención social, psicolóxica, mediación e orientación laboral para favorecer a súa autonomía e igualdade de oportunidades.

A asociación Íntegro vén de pechar unha nova edición do Programa de Información, Mediación e Desenvolvemento (PIMD) RURAL, desenvolvido entre o 1 de setembro de 2025 e o 31 de agosto de 2026, cun balance de 51 mulleres beneficiarias da Costa da Morte. Delas, 42 son mulleres con discapacidade e 9 residen en concellos rurais cualificados como zonas pouco poboadas de baixa densidade (ZPP).

O programa que Íntegro desenvolve de maneira continuada desde 2015, ten como principal obxectivo achegar recursos, apoio e acompañamento ás mulleres do medio rural, especialmente ás que se atopan en situación de maior vulnerabilidade, contribuíndo a reducir as desigualdades derivadas da discapacidade, a dispersión xeográfica e as dificultades de acceso aos servizos.

Atención integral e próxima

Ao longo desta anualidade, o PIMDRural ofreceu un servizo integral de información e asesoramento sobre recursos sociais, sanitarios, económicos, formativos e laborais, ademais de apoio na realización de trámites relacionados coa discapacidade, a dependencia, prestacións e outras xestións administrativas.

A atención desenvolveuse tanto nas instalacións de Íntegro, en Nantón, como nos domicilios das participantes e noutros espazos comunitarios da comarca, facilitando tamén transporte (ou transporte adaptado) cando foi necesario para garantir a igualdade de acceso ao servizo.

O programa, subvencionado pola Consellería de Política Social e Igualdade, prestou tamén atención psicolóxica individual e grupal, acompañando ás participantes en procesos relacionados coa ansiedade, a sobrecarga dos coidados, os conflitos familiares, o duelo ou a xestión emocional. Ademais, desenvolvéronse talleres sobre autoestima, auto-coidado, comunicación, conciliación, competencias dixitais e xestión do estrés, entre outros, orientados a fortalecer as habilidades persoais e sociais das mulleres.

Outro dos eixos de actuación foi a mediación familiar e social, así como o acompañamento para mellorar a convivencia, a comunicación e a resolución de conflitos desde un enfoque interdisciplinar e personalizado.

Máis oportunidades no medio rural

A inserción laboral continuou sendo unha prioridade do programa. As participantes recibiron orientación na procura activa de emprego, apoio na preparación de candidaturas, formación en competencias dixitais e acompañamento a empresas traballando en coordinación cos servizos públicos de emprego.

Desde Íntegro destacan que a continuidade de moitas usuarias ao longo dos anos converteu o PIMD RURAL nun recurso de confianza na comarca, facilitando a detección temperá de necesidades e un acompañamento máis próximo e eficaz.

A asociación Íntegro salienta a importancia de manter programas como o PIMD RURAL para garantir que as mulleres da Costa da Morte, especialmente as que viven no medio rural e teñen discapacidade, poidan acceder aos recursos e exercer os seus dereitos en igualdade de oportunidades.

A entidade anima a todas as mulleres da comarca que precisen información, orientación ou apoio a achegarse ao programa, un servizo gratuíto, próximo e adaptado ás necesidades de cada participante.

post

Íntegro organiza unha visita á Ribeira Sacra con actividades enoturísticas, gastronómicas e culturais

 A asociación Íntegro organiza para o vindeiro 20 de xuño unha saída á Ribeira Sacra, unha proposta que combina natureza, cultura e lecer nunha das contornas máis emblemáticas de Galicia. A actividade está dirixida tanto a persoas socias como á cidadanía en xeral

A xornada incluirá unha visita guiada á bodega Regina Viarum, situada no corazón da Ribeira Sacra, con degustación de viños, así como un xantar no Mesón Casa Lelo, onde as persoas participantes poderán gozar da gastronomía local. Pola tarde, realizarase unha ruta en barco polos Canóns do Sil, que permitirá descubrir desde o río algunhas das paisaxes máis singulares da zona.

A saída terá lugar ás 8:30 horas desde as instalacións da entidade en Nantón (Cabana de Bergantiños), con regreso previsto arredor das 22:00 horas. O desprazamento realizarase en autobús.

O prezo da actividade será de 70 euros para persoas socias e 80 euros para non socias, incluíndo transporte, visitas e xantar. As inscricións permanecerán abertas ata o 20 de maio, con prazas limitadas e condicionadas a un número mínimo de participantes.

Unha vez pechado o prazo de inscrición, a organización confirmará as prazas e indicará o procedemento para realizar o pagamento.

As persoas interesadas poden obter máis información ou formalizar a súa inscrición a través do correo electrónico info@integro.es ou nos teléfonos 981 734 985 e 650 961 649.

Desde Íntegro animan á participación nesta iniciativa, pensada para ofrecer unha experiencia de convivencia e lecer nun entorno natural de gran valor paisaxístico.

post

Íntegro e Máis Porvir reunirán a profesionais da contorna para abordar os dereitos das persoas con discapacidade

A xornada terá lugar en Nantón o 28 de abril coa finalidade de abrir un novo espazo de diálogo

A asemblea xeral de persoas socias e a 3ª andaina solidaria serán outras citas clave marcadas para o sábado 25

A asociación Íntegro e a empresa de xestión social Máis Porvir promoverán o vindeiro 28 de abril un espazo de diálogo arredor dos dereitos das persoas con discapacidade, nun encontro que reunirá a profesionais dos ámbitos educativo e social co obxectivo de analizar a súa aplicación na práctica diaria.

Baixo o título “Os dereitos das persoas con discapacidade”, a sesión nace coa vocación de xerar unha reflexión compartida e poñer o foco nos avances e retos existentes, tomando como marco a Convención das Nacións Unidas sobre os Dereitos das Persoas con Discapacidade.

O encontro contará coa participación de Ramón Sestayo, presidente do CERMI Galicia, e de Adolfo López, presidente da asociación Íntegro, que achegarán unha visión experta e pegada á realidade do sector.

A actividade desenvolverase nas instalacións da entidade, en A Pedra, 30 (Nantón, Cabana de Bergantiños), en horario de 11:30 a 12:30 horas.

Desde a organización anímase ás persoas interesadas a participar e confirmar a súa asistencia ao longo desta semana a través do correo electrónico info@integro.es ou nos teléfonos 981 734 985 e 650 961 649, co fin de garantir unha mellor organización do encontro.

Andaina solidaria e asemblea xeral

Antes desa xornada, Íntegro e Máis Porvir terán outra cita importante: a celebración da 3ª andaina solidaria “Por un millón de pasos”, que terá lugar o sábado 25, a partir das 16:00 horas. A actividade, que contará coa colaboración do Concello de Cabana, constará dun percorrido accesible de 4,5 quilómetros, con saída na Praza de Canduas e chegada na Praza do Pendón.

O prazo de inscrición xa está aberto, cun custo de 5 euros para persoas adultas e 3 euros para menores de 12 anos, incluíndo avituallamento. Ademais, ofrecerase a posibilidade de adquirir unha camiseta conmemorativa por 5 euros.

Desde a organización convídase á participación da veciñanza neste evento que combina deporte, inclusión e solidariedade, aberto a persoas de todas as idades. Para inscribirse, é necesario cubrir o formulario habilitado en https://shre.ink/AndainaSolidaria2026 ou contactar coa entidade a través do correo info@integro.es ou dos teléfonos 981 734 985 e 650 961 649.

Como antesala da xornada, ambas entidades celebrarán ese mesmo día, ás 11:30 horas, a súa Asemblea Xeral de persoas socias na sede da asociación. Durante a sesión, darase conta das actividades desenvolvidas e abordaranse as liñas de traballo futuro, fomentando a participación activa das persoas socias no desenvolvemento do proxecto.

Desde Íntegro anímase á asistencia a esta convocatoria, considerada clave para o fortalecemento da entidade e a mellora continua dos seus servizos e iniciativas. As persoas interesadas poden confirmar a súa presenza a través  dos teléfonos e o correo electrónico habilitados. Ao remate, ofrecerase un pequeno aperitivo para favorecer o encontro e a convivencia entre as persoas asistentes.

post

Deporte, inclusión e solidariedade na 3ª andaina solidaria

O prazo de inscrición xa está aberto e terá un custo de 5€ para adultos e 3€ para menores de 12 anos

A asociación Íntegro e o centro especial de emprego Máis Porvir poñen en marcha, coa colaboración do Concello de Cabana, a terceira edición da andaina solidaria “Por un millón de pasos”, unha iniciativa que combina deporte, lecer e compromiso social, e que se celebrará o vindeiro 25 de abril, a partir das 16:00 horas.

Tras o éxito acadado nas anteriores edicións, o evento consolídase como unha cita destacada no calendario local, co obxectivo de fomentar hábitos saudables, promover a inclusión e apoiar o labor social da entidade a través dunha actividade aberta a toda a veciñanza.

A andaina contará cun percorrido accesible de 4,5 quilómetros e de baixa dificultade, que permitirá a participación de persoas de todas as idades e condicións físicas. A ruta partirá da Praza de Canduas, continuará pola Praia do Curro e rematará na Praza do Pendón, en Cabana de Bergantiños, ofrecendo a posibilidade de gozar dunha contorna natural privilexiada. Ademais, co obxectivo de fomentar a participación das familias e, especialmente, dos máis pequenos e pequenas, a organización ten previstas sorpresas e pequenos agasallos dirixidos ao público infantil, co propósito de facer da xornada unha experiencia aínda máis atractiva e divertida para todos os públicos. Deste xeito, Íntegro reforzará o carácter inclusivo e familiar da andaina, promovendo a implicación das novas xeracións en actividades saudables e solidarias.

Durante a xornada, as persoas participantes poderán desfrutar non só do paseo, senón tamén dun ambiente festivo e inclusivo, con propostas complementarias que contribuirán a facer da actividade unha experiencia completa para familias, amizades e grupos.

Inscricións abertas

O prazo de inscrición xa está aberto. O prezo será de 5 euros para persoas adultas e de 3 euros para nenos e nenas ata 12 anos, incluíndo avituallamento. Ademais, quen o desexe poderá adquirir a camiseta conmemorativa do evento por 5 euros.

Para formalizar a inscrición, as persoas interesadas deberán cubrir o seguinte formulario https://shre.ink/AndainaSolidaria2026 ou solicitar máis información a través dos teléfonos 981 734 985 ou 650 961 649, así como no correo electrónico info@integro.es.

Desde Íntegro anímase a toda a cidadanía a participar nesta terceira edición da andaina solidaria, unha oportunidade para practicar deporte ao aire libre, gozar da contorna natural da Costa da Morte e contribuír, ao mesmo tempo, a unha causa social que promove a inclusión e a igualdade de oportunidades.

 

post

Novos programas de participación social para reforzar o voluntariado na Costa da Morte

A asociación Íntegro continúa apostando de maneira firme e continuada polo voluntariado como ferramenta de participación social, cohesión e promoción de valores solidarios. A entidade desenvolve diferentes programas que permiten á cidadanía implicarse activamente na mellora da calidade de vida das persoas con diversidade funcional e no coidado do entorno, consolidando un modelo de voluntariado comprometido co territorio e coa inclusión.

Entre as iniciativas máis destacadas atópase o novo programa de voluntariado xuvenil “Mocidade en Acción”, unha proposta dirixida a fomentar a participación activa das persoas menores de 30 anos na vida comunitaria. O proxecto pretende crear un grupo estable de voluntariado xuvenil que colabore de maneira regular nas distintas áreas de intervención da entidade, promovendo valores como a solidariedade, a responsabilidade social e o compromiso co medio ambiente.

O programa está dirixido a 8 mozas e mozos de entre 16 e 30 anos, residentes nalgún dos concellos da Costa da Morte, interesados en participar en accións de voluntariado social, inclusivo e ambiental. A través desta experiencia, as persoas participantes poderán desenvolver competencias persoais e sociais, adquirir novos coñecementos e contribuír activamente á mellora da comunidade.

Entre os principais obxectivos desta iniciativa destacan a promoción da implicación da mocidade en proxectos de carácter social e ambiental, o achegamento á realidade das persoas con diversidade funcional, a sensibilización en materia de inclusión e igualdade de oportunidades e o fomento da participación en iniciativas de sustentabilidade e economía circular.

O proxecto desenvolverase entre o 1 de xaneiro e o 30 de setembro combinando accións de voluntariado en dúas áreas principais. Por unha banda, a inclusión social, mediante a participación nas actividades que se desenvolven no Centro de Día e no Centro Ocupacional de Íntegro, apoiando aos equipos profesionais en programas de promoción da autonomía persoal, habilidades sociais, ocio inclusivo e participación comunitaria.

Por outra banda, o programa incorpora tamén unha dimensión ambiental, a través da colaboración no proxecto Diversiplás, iniciativa de economía circular centrada na recuperación, clasificación e valorización de residuos plásticos procedentes da actividade mariñeira e pesqueira da Costa da Morte, así como en accións de sensibilización ambiental dirixidas á cidadanía.

Para impulsar esta iniciativa, Íntegro desenvolverá ademais unha campaña de captación de voluntariado dirixida á mocidade da zona, co obxectivo de dar a coñecer esta oportunidade de participación social e implicación comunitaria. As persoas voluntarias recibirán tamén formación específica en ámbitos como diversidade funcional, medio ambiente, igualdade de oportunidades, primeiros auxilios ou economía circular, garantindo así unha participación responsable, informada e de calidade.

Voluntariado Interxeracional: Saberes e sabores

Xunto a este programa, a entidade tamén vén de poñer en marcha a segunda edición do proxecto de voluntariado interxeracional “Saberes e Sabores”, unha iniciativa que promove a convivencia, a aprendizaxe mutua e a colaboración entre persoas mozas, maiores e con discapacidade arredor da cociña tradicional, o cultivo da terra e o coidado compartido.

O programa desenvolverase ata o 15 de maio e conta co financiamento da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia, cunha achega de 18.000 euros procedente de fondos europeos, no marco do proxecto Talento Interxeracional e do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, cofinanciado pola Unión Europea a través dos fondos NextGenerationEU.

Nesta segunda edición, “Saberes e Sabores” estrutúrase en tres liñas de acción principais: o cultivo ecolóxico interxeracional con apoio tecnolóxico, a elaboración e dixitalización de receitas tradicionais saudables e o reparto solidario dos produtos cultivados e cociñados a persoas maiores en situación de vulnerabilidade.

A través destas iniciativas, Íntegro continúa fortalecendo o seu compromiso coa innovación social, a inclusión, o envellecemento activo e o fortalecemento das redes comunitarias, situando o voluntariado como un eixo fundamental para avanzar cara a unha sociedade máis xusta, participativa e solidaria na Costa da Morte.

post

Íntegro lanza a campaña #MulleresQueInspiran para conmemorar o 8M e promover a igualdade

A iniciativa está aberta á cidadanía e ás entidades sociais, e inclúe o sorteo dunha cesta de produtos artesanais elaborados polas persoas usuarias da entidade

Con motivo da conmemoración do Día Internacional da Muller, que se celebrará o vindeiro 8 de marzo, a Asociación Íntegro pon en marcha a campaña #MulleresQueInspiran, unha iniciativa que busca dar visibilidade á diversidade de mulleres que forman parte das nosas vidas, recoñecer o seu papel fundamental na sociedade e promover valores como a igualdade de oportunidades, a diversidade e o respecto.

A través desta acción, Íntegro pretende implicar tanto ao tecido asociativo como á cidadanía nunha mensaxe positiva e transformadora, dando protagonismo ás mulleres que inspiran, acompañan, lideran e constrúen comunidade día a día. A campaña está aberta á participación de toda a cidadanía e tamén ás entidades sociais que desexen sumarse á iniciativa.

Como parte da acción, desde o domingo 1 de marzo e ata o sábado 7, a entidade dará a coñecer diariamente nas súas redes sociais a historia dunha muller anónima inspiradora, valente e cunha traxectoria que merece ser contada, contribuíndo así a encher o espazo dixital de referentes femininos reais e próximos.

Como participar

Para formar parte da campaña #MulleresQueInspiran, as persoas e entidades interesadas deberán:

  • Publicar no seu perfil ou nas stories unha imaxe dunha muller —ou mulleres— significativas
  • Seguir a conta de @asociacionintegro
  • Mencionar ou etiquetar á asociación Íntegro na publicación

Entre todas as persoas e entidades participantes sortearase unha cesta de produtos artesanais elaborados polas persoas usuarias da entidade, que incluirá artigos de Bicos de Amora e Diversiplas.

O prazo para participar permanecerá aberto ata as 23:59 horas do domingo 8 de marzo, e o luns día 9 anunciarase publicamente nas redes sociais de Íntegro a persoa ou entidade gañadora.

Desde Íntegro animan á cidadanía e ás organizacións sociais a implicarse nesta campaña e contribuír a espallar unha mensaxe colectiva de recoñecemento e igualdade, enchendo as redes de historias que inspiran e constrúen unha sociedade máis xusta e inclusiva.

post

Íntegro e Máis Porvir organizan unha xornada formativa arredor da sexualidade e a diversidade funcional sen tabús

A iniciativa, que terá lugar o día 29 no Fórum Carballo, conta co apoio institucional do Concello de Carballo, a Deputación da Coruña e a Xunta de Galicia

A asociación Íntegro, en colaboración con Máis Porvir Xestión Social, organiza por primeira vez a xornada “Sexualidade sen barreiras”, un encontro formativo e divulgativo que se celebrará o sábado 29 de novembro no Fórum Carballo. A actividade, de carácter presencial e dirixida a profesionais, familias, persoas con diversidade funcional e público xeral, pretende ofrecer un espazo seguro para abordar a educación afectivo-sexual, o pracer, o consentimento e os dereitos sexuais desde unha perspectiva inclusiva e respectuosa.

A xornada conta co apoio institucional do Concello de Carballo, a Xunta de Galicia e a Deputación da Coruña, e representa a primeira convocatoria específica deste tipo promovida pola nosa entidade, coa intención de visibilizar necesidades, compartir boas prácticas e fomentar o debate informado no eido da sexualidade e a diversidade funcional.

Con esta iniciativa, que combina faladoiros e espazos de debate para favorecer a participación activa e o intercambio de coñecementos, non só se pretende normalizar a conversa sobre sexualidade entre persoas con diversidade funcional, profesionais e familias, senón ofrecer tamén ferramentas prácticas para o acompañamento afectivo e sexual, e promover espazos seguros e técnicas de intervención centradas na autonomía, o respecto e o consentimento.

Desde a organización subliñan que tratar a sexualidade como parte integrante do benestar é un paso necesario para garantir o pleno exercicio dos dereitos das persoas con diversidade funcional e avanzar nun modelo social máis inclusivo.

Programa ao completo

9:30–9:45 h — Recepción das persoas inscritas

9:45–10:00 h — Acto inaugural

10:00–10:45 h — Sexo, saúde e pracer: realidades que importan

Poñente: Paula Pombar Pérez

Unha reflexión sobre a importancia de abordar o pracer e a saúde sexual desde a perspectiva das persoas con diversidade funcional, subliñando a necesidade da educación afectivo-sexual e do acceso a recursos especializados.

10:45–11:30 h — Espazos seguros para falar de sexualidade (asoc. Íntegro)
Obradoiro e sesión práctica centrados en impulsar dinámicas, metodoloxías e recursos que permitan crear contextos de confianza, comunicación e acompañamento para falar de sexualidade.

11:30–12:00 h — Pausa para o café

12:00–12:45 h — Sexualidade e grandes apoios: dereito a sentir, dereito a vivir

Poñente: Sofía Torres Fernández

Análise das necesidades e dos dereitos das persoas que precisan grandes apoios, abordando como acompañar desde a empatía, a protección dos dereitos e a promoción da autonomía emocional e sexual.

12:45–13:30 h — Educación sexual nas entidades. Programa FADAS, un exemplo de boas prácticas

Poñente: Verónica Ramilo Graña

Presentación do Programa FADAS e das súas liñas de traballo como referente para a implementación de programas de educación sexual en entidades sociais.

13:30–13:50 h — Debate aberto (quenda de preguntas e intervencións)

13:50–14:00 h — Acto de clausura

Debido ao aforo limitado do auditorio, é recomendable inscribirse previamente cubrindo o seguinte formulario: https://forms.gle/vXuurC8YaeGV6YaS7.

O prazo rematará o 24 de novembro ou ao completar as prazas dispoñibles. O prezo da entrada (5€ público xeral e 2€ socios/as), deberá ser aboado mediante tranferencia bancaria ou Bizum no momento da inscrición. Ao remate da xornada entregarase un certificado de asistencia ás persoas participantes.

Máis información na web e nas redes sociais de Íntegro e Máis Porvir.

 

post

Íntegro e Máis Porvir organizan en Corme o Campionato Estatal de Balonmán en Cadeira de Rodas

O deporte inclusivo volve ser protagonista na Costa da Morte coa celebración do Campionato Estatal de Balonmán en Cadeira de Rodas, unha cita deportiva que se celebrará o sábado 25 no pavillón polideportivo de Corme (Rúa do Cubeiro, Corme – Ponteceso).

O evento, organizado pola asociación Íntegro e a entidade Máis Porvir Xestión Social S.L., contará coa participación dos equipos ICB Coruña e Inclusport, que se enfrontarán en dúas apaixonantes sesións. A primeira, ás 18.00 horas, será para disputar o partido oficial da copa e, unha hora despois (ás 19.00h) terá lugar un encontro amigable.

A cita, promovida pola Federación Galega de Balonmán, A Federación Española de Balonmán e o Concello de Ponteceso, conta coa colaboración de Deporte Galego, Xunta de Galicia, Deputación da Coruña e varias empresas da contorna. Con eventos deste tipo, preténdese fomentar e dar visibilidade á práctica deportiva inclusiva, promovendo valores como a igualdade, o esforzo e o traballo en equipo.

A entrada é totalmente gratuíta, polo que se convida a toda a veciñanza a achegarse para apoiar aos deportistas e gozar dun espectáculo cheo de emoción, compañeirismo e superación.

post

Íntegro presenta á Xunta o seu proxecto de educación ambiental Sementes de futuro

A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático anunciou que estudará as vías de colaboración para impulsar esta iniciativa de reforestación e sensibilización escolar

A asociación Íntegro mantivo recentemente unha reunión coa conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, para presentar o seu novo proxecto de educación ambiental “Sementes de futuro”. O encontro contou tamén coa presenza do alcalde de Cabana de Bergantiños, José Muíño, e outros representantes da entidade.

Durante a reunión, o presidente de Íntegro, Adolfo López Baña, explicou os obxectivos principais desta proposta, que nace cunha dobre vocación formativa e medioambiental. O proxecto pretende recuperar zonas degradadas mediante a reforestación con especies autóctonas galegas, ao tempo que busca concienciar á comunidade escolar e á poboación en xeral sobre a importancia da biodiversidade e dos bosques autóctonos.

Entrega dun obsequio elaborado no taller Diversiplás con plástico reciclado

A través de Sementes de futuro, Íntegro aposta por implicar a diferentes xeracións e colectivos sociais nun proceso participativo que combine educación ambiental, inclusión e acción comunitaria, favorecendo así a aprendizaxe compartida e o respecto polo medio natural.

Desde a entidade, valórase moi positivamente a boa acollida da proposta por parte da Consellería, que se comprometeu a analizar posibles vías de colaboración para facer realidade este proxecto, co obxectivo de que poida contar con apoio institucional e financiamento público. “Para Íntegro, é unha gran satisfacción comprobar que a Xunta comparte a nosa preocupación pola protección do medio ambiente e a educación en valores sostibles. Agardamos que esta colaboración poida materializarse nun proxecto conxunto que beneficie á mocidade, ás persoas con diversidade funcional e ao noso territorio”, sinalou Adolfo López Baña, presidente da entidade.

Con iniciativas como Sementes de futuro, Íntegro continúa ampliando o seu compromiso coa sustentabilidade, a inclusión e a mellora da calidade de vida na Costa da Morte, unindo esforzos entre administracións, comunidade educativa e sociedade civil para crear un futuro máis verde e solidario.