post

A Diverescola chega ás aulas de infantil e primaria do CPI de Zas e do CEIP Nétoma–Razo de Carballo

71 nenos e nenas participaron nas xornadas de sensibilización promovidas pola entidade de Nantón, no marco do programa Capacíta-T, para achegar a diversidade á cativada

Setenta e un nenos e nenas de infantil e primaria do CPI de Zas e do CEIP Nétoma-Razo (Carballo) convertéronse nas últimas semanas en protagonistas das primeiras sesións dunha nova edición da Diverescola, unha iniciativa promovida por Íntegro, no marco do programa Capacíta-T, para achegar aos máis cativos/as a diversidade e a inclusión a través do xogo e o entretemento.

Sen ir máis lonxe, este xoves as aulas do centro carballés de educación infantil e primaria de Nétoma-Razo mudaron o seu tradicional aspecto para converter os pupitres en improvisados circuítos de obstáculos e os libros en leccións orais de vida e superación. Desde primeira hora da mañá, a nosa monitora de ocio e tempo de lecer Lucía Blanco protagonizou, xunto aos nosos usuarios Noé e Yoli, unha xornada de sensibilización repleta de xogos e diversión na que participaron 51 nenos e nenas divididos en tres grupos, dous de infantil e outro de 1º e 2º de primaria, que agardaban ansiosos/as e con expectación a visita da nosa asociación.  

Aprendizaxe e entretemento tamén houbo hai unhas semanas no CPI de Zas, onde unha vintena de alumnos e alumnas tiveron a oportunidade de achegarse á diversidade da man de Rubén e Jessi, dous usuarios/as do centro, cos que pasaron unha mañá moi amena e proveitosa realizando divertidas probas e escoitando sorprendentes historias que falaban de igualdade e inclusión.

Aínda que moitos/as aseguraron coñecer a persoas con disCapacidade na súa contorna, moi poucos sabían do seu día a día. E para descubrilo, non dubidaron en poñerse na súa propia pel demostrando as súas habilidades e destrezas nunha serie de probas con mobilidade reducida e os ollos tapados. Por suposto, todos/as lograron superar e con nota as actividades propostas dando exemplo da súa capacidade de empatía e dunha naturalidade e espontaneidade sorprendentes. Un dos momentos máis divertidos chegou cando os máis pequenos/as se dispuxeron a facer bocadillos empregando unha soa man. E non o fixeron nada mal!

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Desde Íntegro queremos agradecer a participación de todos os centros educativos da Costa da Morte neste proxecto co que se pretende promover unha aprendizaxe en valores e unha aposta pola educación inclusiva dende a infancia. Vémonos nas aulas!