post

Íntegro inicia unha campaña de limpeza de praias na Costa da Morte da man de Diversiplás

  • A primeira terá lugar este sábado 13, ás 13.30 horas, na praia cabanesa do Pendón. As persoas interesadas en participar poden inscribirse chamando ao 981 734 985
  • Trátase dun proxecto da asociación Íntegro que conta co apoio do Galp Costa da Morte, a Consellería do Mar e a FEMPA (UE)

A asociación Íntegro, a través do proxecto Diversiplás, pon en marcha unha nova campaña de sensibilización ambiental centrada na limpeza de praias e espazos naturais pola Costa da Morte. Do 13 de setembro ao 2 de outubro, realizaranse diversas actuacións en diferentes areais e zonas verdes do noso litoral co obxectivo de reducir o impacto dos plásticos mariños, darlles unha segunda vida e, ao mesmo tempo, concienciar sobre o coidado do medio ambiente.

Ademais de retirar residuos, as limpezas buscan concienciar á cidadanía sobre a importancia de coidar o mar e o litoral, lembrando que unha parte importante dos plásticos que chegan ao océano proceden da actividade pesqueira e marisqueira. Desde Diversiplás, estes materiais recóllense, transfórmanse e convértense en novos produtos, reducindo a contaminación e xerando novas oportunidades para persoas con diversidade funcional.

Esta nova acción está dirixida a todas as persoas preocupadas polo coidado da nosa contorna.  Para participar, abonda con inscribirse chamando ao 981 734 985 ou ao 650 961 649.

Calendario de limpezas

  • Sábado 13 de setembro, 13:30 h – Praia do Pendón (Cabana de Bergantiños)
  • Mércores 17 de setembro, 11:00 h – Praia de Muxía
  • Martes 23 de setembro, 10:30 h – Praia por confirmar no Concello de Carballo. Acción desenvolvida en colaboración coa Cruz Vermella Carballo
  • Xoves 2 de outubro, 11:00 h – Praia e zonas verdes de Ariño (Camariñas)

Esta iniciativa conta co apoio do GALP Costa da Morte, da Consellería do Mar e do FEMPA (Fondo Europeo Marítimo, da Pesca e da Acuicultura da Unión Europea), entidades que fan posible levar a cabo este proxecto de economía circular e sensibilización ambiental.

 

 

post

Íntegro impulsa o novo programa xuvenil Reacciona para fomentar a reciclaxe e a inclusión social a través de actividades sostibles

Trátase dunha iniciativa subvencionada pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude

O pasado xoves, a sede da asociación Íntegro (Nantón-Cabana de Bergantiños) acolleu  a presentación do proxecto BOOR, unha iniciativa artística que busca combinar arte e sostibilidade. Durante o obradoiro, impartido pola responsable da empresa, as persoas participantes tiveron a oportunidade de coñecer de preto esta innovadora proposta encamiñada á creación de pezas únicas a partir de materiais recollidos nas praias, como boias e flotadores abandonados, fomentando así a reciclaxe e a conciencia ambiental. Así mesmo, os integrantes do noso grupo xuvenil realizaron un pequeno taller empregando a técnica de debuxo que emprega para as súas creacións artísticas.

Esta acción forma parte do programa de actividades xuvenís Reacciona, posto en marcha o pasado mes de maio. Trátase dunha iniciativa promovida coa colaboración da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, dirixida a mozos e mozas con idades comprendidas entre os 16 e os 35 anos, que ten como obxectivo principal concienciar sobre a importancia da reciclaxe dos materiais plásticos para o coidado do medio ambiente, promovendo ao mesmo tempo a inclusión social e laboral das persoas con discapacidade.

Reacciona nace como resposta á necesidade de integrar á mocidade nun modelo de desenvolvemento sostible, apostando pola educación ambiental e a colaboración entre entidades sociais e ambientais. As actividades, que se desenvolverán entre xullo e setembro, inclúen visitas didácticas, obradoiros formativos e encontros con proxectos e profesionais do sector da reciclaxe e da economía circular.

Aprendizaxe, visitas e acción social

Entre os obxectivos específicos do programa destacan:

  • Identificar e clasificar os distintos tipos de plásticos e as súas aplicacións.
  • Coñecer os procesos de fabricación e o impacto ambiental dos produtos plásticos.
  • Fomentar a reflexión crítica e a responsabilidade individual no uso, redución e reutilización destes materiais.
  • Promover o traballo colaborativo entre organizacións sociais e ambientais.

O calendario inclúe ademais estes outros espazos e proxectos de referencia:

  • SOGAMA (11/07): coñecemento de primeira man da xestión integral de residuos en Galicia.
  • Aula do Freixo (24/07): Centro de transformación de residuos mariños
  • Exposición no Aquarium da Coruña (07/07): aproximación á contaminación mariña por plásticos.
  • Aspaneps- Proxecto Ártabro Inclusivo (setembro): sensibilización ambiental e dinamización da rede de colaboradores con limpezas costeiras e actividades divulgativas.
  • Netcycle (09/09): proxecto de Ecoplas baseado na reutilización do desperdicio plástico para darlle unha segunda vida útil.
  • Antonia Studio (pendente confirmar cita): deseño sostible e economía circular.

Tamén se impartirá a charla divulgativa “SOS Planeta Terra” o 28 de xullo e un obradoiro formativo Diversiplás, centrado na transformación de plásticos reciclados en novos obxectos.

Con este programa, Íntegro reafirma o seu compromiso coa xuventude, o medio ambiente e a igualdade de oportunidades, favorecendo a participación activa de persoas con discapacidade en accións de alto valor social e educativo.

As prazas son limitadas e xa está aberto o prazo de inscrición a través do teléfono 981 734 985
ou do mail: info@integro.es.