- Tras a excelente acollida que tiveron as actividades do programa de sensibilización levadas a cabo en setembro e no que participaron preto de 75 persoas
- Trátase dun proxecto coordinado por Íntegro, co apoio do Galp Costa da Morte, e financiado polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP), a través da Consellería do Mar
Co obxectivo de promover a redución do lixo mariño e a mellora da biodiversidade, desde a inclusión social e laboral das persoas con diversidade funcional, o pasado mes botou a andar na Costa da Morte Diversiplás, + diverso – plástico: un proxecto dirixido á recuperación e valorización de residuos plásticos derivados da actividade marisqueira e da pesca, xurdido ao abeiro do Programa Tanza e coordinado pola asociación Íntegro, co apoio do Galp Costa da Morte, e o financiamento do Fondo Europeo Marítimo e da Pesca (FEMP), a través da Consellería do Mar da Xunta de Galicia.
Precisamente, as persoas usuarias de Íntegro, principais protagonistas desta iniciativa, foron as encargadas de dar os primeiros pasos dun camiño que xa avanza cara unha contorna máis sostible e respectuosa co medio ambiente. Así, coincidindo coa chegada de setembro, arrincaron as primeiras accións de dinamización deste 2021, destinadas a sensibilizar sobre a presenza e o impacto do lixo nas zonas costeiras- tanto en praias como no litoral e nas zonas marítimo-pesqueiras- e poñer en valor as utilidades da reciclaxe do plástico, a través da creación de proxectos de economía circular.
Setembro en ruta
A primeira saída á rúa non podía ter unha estrea mellor. Dentro da programación das Festiletras (Ponteceso), o pasado día 3 Divesiplás participou no Festival da Ciencia do Couto (Festiciencias) para dar a coñecer o proxecto ambiental entre a rapazada e activar a futura rede de colaboracións cos centros de ensino da contorna para a recollida de plásticos, previsto para os vindeiros meses. Ademais, ao longo da xornada, realizouse unha actividade demostrativa do proxecto Precius Plastic a cargo de Adrián Coira, colaborador de Diversiplás e experto en reciclaxe de residuos, que nos deixou moi claro o proceso de transformación dos refugallos. A segunda actividade, celebrada en Nantón o mércores 8, consistiu na realización dun taller informativo sobre o proxecto, dirixido á comunidade de usuarios/as de Integro, xunto cunha actividade de sensibilización centrada nos plásticos e o seu impacto no medio mariño.
Na segunda quincena de setembro continuaron as saídas pola Costa da Morte para achegarse ao traballo que realizan os e as profesionais do mar, que tamén colaboran no proxecto. A primeira parada tivo lugar o día 15 no peirao de Corme (Ponteceso) para manter un encontro coa Asociación de Redeiras Illa da Estrela de Corme, na que participaron preto de 30 persoas. Tras visitar o taller e coñecer de primeira man a súa actividade diaria, centrada na reparación de redes e os novos usos, tamén se interesaron por coñecer outros aspectos derivados do seu traballo como enfermidades e riscos laborais, asociacionismo, etc. Así mesmo, a diversificación do sector, orientado á confección e deseño de pezas artesanais, complementos de moda, deseño de lámpadas e/ou accesorios deportivos acaparou a atención dos/as participantes que non dubidaron en preguntar pola nova vida que lles dan aos útiles de pesca, contribuíndo así ao coidado do planeta e á súa propia reciclaxe laboral. A xornada rematou co compromiso de futuras colaboracións na recollida e clasificación de refugallos, e algúns usuarios/as probando sorte na confección de nós con cabos de rede.
A visita á Agrupación de mariscadoras da Confraría de Camariñas, realizada o pasado día 22, puxo o punto e final ao programa de actividades previsto para este mes e no que participaron preto de 75 persoas. Nunha xornada moi interesante e participativa, as persoas usuarias achegáronse ao mundo do marisqueo para coñecer a profesión máis de preto e desde dentro, da man dunha das integrantes da asociación (zonas, capturas, especies, mareas,…).
Tamén se abordou a presenza de lixo mariño no medio, en boa parte derivado da actividade pesqueira, e a importancia de reciclar e manter limpo o litoral. De feito, a limpeza e recollida de refugallos que se ía desenvolver na zona de marisqueo, trasladouse á terra, ao merendeiro de Ariño, onde se procedeu á recollida dunha gran cantidade de microplásticos, que levaban días na zona e que o vento estaba empuxando cara o mar. Con paciencia e un traballo case artesanal, recolléronse un a un todos os restos de plástico, diversos fragmentos, papeis e moitas cabichas.
Futuras accións
Tras esta primeira fase de divulgación e sensibilización, en Diversiplás seguimos a traballar desde a inclusión para unha Costa da Morte máis sostible. E entre os novos obxectivos figuran xa a posta en marcha dunha Rede de entidades colaboradoras (centros de ensino, concellos e confrarías da Costa da Morte) para a xestión de puntos de recollida de plásticos e a creación dun taller para o aproveitamento e tratamento dos residuos plásticos obtidos do mar, que terá que agardar ao 2022.
Permanecede atentos/as porque moi pronto volveremos con máis actividades, moitas novidades e un montón de sorpresas que vos van encantar. E se o que che apetece é colaborar e participar nas accións de sensibilización que levamos a cabo, non perdas a oportunidade de facelo. Chama xa ao 650 961 649 e únete ao noso equipo!