O proxecto conta co cofinanciamento da Xunta de Galicia, a través dos fondos do 0.7% do IRPF, a Deputación Provincial da Coruña, a través das Convocatorias FOIE 21-22, e a Fundación ONCE, a través do Plan de Prioridades 21
Desde o pasado 1 de maio, a asociación Íntegro está a desenvolver un proxecto de “Ampliación do Centro de Recursos Íntegro” do que se beneficiarán os 45 usuarios/as do centro de Nantón (Cabana de Bergantiños), na súa maioría persoas con discapacidade intelectual da Costa da Morte. Dita actuación, que consistirá na creación dun novo volume rectangular de 110 metros cadrados ao carón da fachada principal, permitirá ampliar algunhas dependencias actuais como a aula ocupacional, a cociña, os vestiarios e os aseos. Estes traballos permitirán mellorar a calidade dos servizos actuais e incrementar o número de prazas para dar cobertura a un maior número de usuarios/as.
O proxecto, que ascende a uns 180.400,00 €, aproximadamente, e realizarase o longo desta anualidade, conta co financiamento de varias institucións públicas e entidades sociais. Por unha banda, a Consellería de Política Social da Xunta de Galicia subvencionará, a través de COGAMI, o 43% do gasto grazas aos fondos do 0,7% do IRPF procedentes do cadro 106 de “Actividades de Interese Social” da declaración da renda. Por outra banda, a Deputación Provincial da Coruña aportará o 37% con cargo ás Convocatorias FOIE 21-22 e a Fundación ONCE investirá o 8%, a través do Plan de Prioridades da Confederación Española de Persoas con Discapacidade Física e Orgánica (COCEMFE). O resto, un 12%, será aportado pola propia entidade dos fondos propios.
A asociación Íntegro é unha entidade social sen ánimo de lucro que desde 1992 promove a inclusión social e laboral das persoas con diversidade funcional da Costa da Morte. Na actualidade, conta cun Centro de Día e un Centro Ocupacional que prestan servizo a 45 persoas das comarcas de Bergantiños, Soneira e Fisterra. A entidade con sede en Nantón (Cabana de Bergantiños) forma parte da Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) e da Confederación Española de Persoas con Discapacidade Física e Orgánica (COCEMFE).